Os EUA eliminan o envío de fondos a UNESCO pola admisión de Palestina

Estados Unidos anunciou este luns que eliminará os fondos que entregaba até agora á UNESCO despois de que esta axencia da ONU para a educación e a cultura votase a favor de aceptar a Palestina como membro de pleno dereito.

A suspensión é de efecto inmediato e supón que EE.UU. deixará de entregar á organización con sede en París 60 millóns de dólares que tiña que desembolsar en novembro, parte do total de 80 millóns de dólares que destina anualmente á UNESCO, que corresponde ao 22% de todo o orzamento da organización.

A portavoz insistiu en que, a pesar de todo, Estados Unidos manterá a súa participación e o seu compromiso na Organización de Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco).

Nuland declarou que o voto deste luns no seo desa organización para aceptar a Palestina como Estado membro de pleno dereito é “lamentable, prematuro e socava nosa meta compartida dunha paz xusta, duradeira e exhaustiva en Oriente Medio”.

“EEUU mantén o seu firme apoio ao establecemento dun Estado palestino independente e soberano, pero un Estado así só se pode lograr mediante negociacións directas entre israelís e palestinos”, agregou.

Previamente manifestouse en termos similares o portavoz da Casa Branca, Jay Carney, quen considerou “prematura” a admisión de Palestina como Estado membro pola Unesco.

A Conferencia Xeral da Unesco aprobou a admisión de Palestina como o 195 Estado membro de pleno dereito desta axencia de Nacións Unidas nunha votación celebrada na súa sede en París.

Para Israel a decisión é unha “traxedia”

Israel cualificou de “traxedia” que a UNESCO aceptase á Autoridade Palestina como membro de pleno dereito, e advertiu que danará as posibilidades de negociación.

Nun comunicado, o Ministerio de Exteriores israelí subliñou que a decisión “non converterá á ANP nun estado real”, e que danará as perspectivas de “negociacións de paz”.

“Esta resolución é unha traxedia para a UNESCO. A organización ocúpase da ciencia, e non da ciencia ficción”, declarou o embaixador israelí ante a organización, Nimrod Barkan.

Israel cre que a adhesión de Palestina supón unha politización da súa axenda e que lle imposibilitará levar a cabo as súas funcións. Ademais, advertiu aos países que votaron a favor (entre eles, Francia e España), que perderon a influencia que tiñan sobre o estado hebreo.

E Palestina cualifícao de “vitoria”

Para os palestinos, en cambio, non é só unha vitoria diplomática e moral. A ministra de Turismo da Autoridade Nacional Palestina (ANP), Julud Daibes, explicou que a decisión permitirá loitar contra o espolio de obxectos arqueolóxicos achados no territorio palestino.

“Ser membros da Unesco permitiranos denunciar as violacións do dereito internacional sobre a destrución de sitios e artefactos, así como seguir a transferencia ilegal de obxectos arqueolóxicos”, manifestou a Efe.

Daibes referíase principalmente a artefactos achados no territorio palestino e que terminaron en museos e centros académicos israelís. “É unha moi boa noticia para os que somos responsables de Turismo e Cultura porque nos ofrece plenos dereitos para propor lugares palestinos como candidatos a ser declarados patrimonio da humanidade”, engadiu.

A ministra tamén destacou o impacto turístico que se derivará de promocionar lugares palestinos como patrimonio da humanidade da UNESCO ou candidatos a selo no futuro, como a cidade antiga de Belén e a Igrexa da Natividade.

Fonte: www.rtve.es

Comments are closed.