Crónica das XIX Xornadas Libertarias (Compostela)

A CNT organizou a finais do mes pasado as XIX Xornadas Libertarias nas que estivo presenta BDS-Galiza representada por Elvira Souto.

A continuación transcribimos a crónica recolllida directamente da CNT-Compostela

Nun ambiente cálido como acostuma acontecer no local da CNT de Compostela desenvolverom-se nada menos que as XIX Xornadas Libertárias, case vinte anos nos contemplan. Tivemos máis público que en anos anteriores e isto ten desde o noso punto de vista moi mérito pois os “medios” siléncianos, o persoal tivo que vir até o barrio de Cornes ao local da CNT e mesmo coincidindo cun festival de cinema, a pesar de todo a xente ficou moi satisfeita coas palestras, pois mesmo temas que en principio podíanse considerar pouco atraentes, resultaron moito atractivos, acercamonos a problemáticas que nos eran descoñecidas en gran parte, afondamos no coñecemento da historia criminal do cristianismo, soubemos dos problemas da ritalinización da infancia e o abuso de estimulantes no tratamento do TDAH, fomos informados polo BDS da situación dos territorios ocupados da Palestina polo estado sionista de Israel, indagamos na clientela da prostitución e finalmente rescatamos parte da historia da CNT no barrio de Conxo.

Segunda Feira -Luns 24: Historia Criminal do Cristianismo, por Julio Reyero

Cunha asistencia de 23 persoas o compañeiro Julio Reyero trazou unha traxectoria da historia da Igrexa Católica en base ao crime, que sinalou como actividade principal desta organización relixiosa. Explicounos tamén o proceso ao que foi sometido polo arcebispado de Toledo por esta mesma palestra, que lle valeu unha querela criminal e foi describindo a esta organización que adoptou o crime ao longo dos séculos como método, así como na actualidade, todas as formas posíbeis: económicos, sexuais, crimes relacionados coa violencia… Crimes que se basean no propio código moral do cristianismo.

3º Feira -Martes 25: A ritalinización da infancia. Abuso de estimulantes no tratamento do TDAH, por Lois, farmacéutico, membro da Xuntanza Antiprohibicionista

O compañeiro Lois diante dun público absolutamente entregado de 31 persoas acercounos a esta problemática que, para a maior parte da xente, resultaba descoñecida, o control por parte do Estado das mentes dos individuos producida de maneira máis agresiva e atinxindo aos primeiros estados das nosas vidas. Explicounos que unha das formas que asume é a patologização do comportamento distinguido ou molesto. O que hoxe chamamos “problemas” cos meniños e meniñas acostumaba a se aceptar como trazos normais da infancia. O meniño impulsivo, espontáneo ou audaz é diagnosticado como hiperactivo (TDAH), e se lle administran remedios como o Ritalin para domalo. Continuou a se preguntar se non se abusa do Ritalín para refrear a meniños e meniñas dinámicos que non teñen realmente tal trastorno, senón que moitas  das características que se din ser sintomáticas desa suposta doenza non son outra cousa que a defensa dos miúdos contra unha vida demasiado estruturada. De feito informou sobre as graves consecuencias do uso deste fármaco nun cerebro aínda en formación, ficando o persoal abraiado.

Cuarta Feira -Mércores 26: Galiza-Gernika-Gaza por Elvira Souto, BDS-Galiza

O BDS está formado por distinguidos colectivos galegos que teñen como obxectivo traballar polo Boicot, os desinvestimentos e as sancións a Israel no entanto non abandonen as prácticas xenocidas con que asolan Palestina e permitan ao pobo palestino gobernar a súa propia vida como pobo e vivir en liberdade no territorio que lles está a ser arrebatado. Elvira Souto presentou con seu verbo áxil e coas grandes dotes de comunicadora que ela ten, deixando ao publico en número de 21 persoas absolutamente engaiolado e con moitas perespectivas de se enrolar nos próximos  Gernikas, rumbo a Gaza na Flotilha da Liberdade

Quinta Feira - Xoves 27: Os clientes da prostitución na Galiza, por Silvia Pérez Freire, Socióloga

Silvia Pérez Freire, profesora de Socioloxía na Universidade de Vigo e ex-directora do Centro de Día e Unidade Móbil en Prostitución da Asociación Alecrín en Vigo, analizou ante 28 persoas con moitos datos a industria sexual na Galiza axustándose as experiencias obtidas despois de facer un estudo pormenorizado dos clientes da prostitución por idades na Galiza. Explicou dun xeito detallado un modo de clasificación segundo a consideración que estes tiñan sobre as mulleres en prostitución, o dramatismo con que as mulleres viven a súa realidade e a frivolidade e ociosidade na que se recrían os clientes, mostrando dunha maneira evidente como a prostitución na nosa sociedade é un síntoma máis da cultura sexual dominante nas culturas patriarcais e capitalistas.

Sexta Feira - Venres 28: Alfonso Sixto e a folga do siquiátrico de Conxo, por Eliseo Fernández, Historiador

Tiñamos moito interese en realizar esta palestra, pois con ela queriamos recuperar a historia da CNT e a do barrio de Conxo, pois ben as prespectivas confirmáronse pois ademais da nutrida asistencia de 31 persoas, algunhas delas implicadas na negra historia do Psiquiátrico, ficamos moi contentos xa que o coloquio estivo moi animado. Eliseo explicou os pormenores da nosa organización tanto en Compostela como no barrio, pois en 1933, a Sociedade de Camareiros e Enfermerios do Psiquiátrico de Conxo, adherida á CNT puxo en marcha unha folga no psiquiátrico de Conxo.  Esta folga acadará unha especial dureza e as súas consecuencias chegarám á represión sufrida tras o golpe de Estado de 1936. Esta folga presentou a particularidade de non se limitar a reclamacións sobre a situación laboral dos camareiros e enfermeiras, senón que incorpora nas súas reclamacións a denuncia da situación dos doentes internos. Eliseo Fernández, un dos máis destacados historiadores actuais do anarquismo en Galiza, demostrou unha vez máis o coñecemento que el ten sobre a historia do anarcosindicalismo na Galiza.

Comments are closed.