Entrevista con Anselmo López Carreira

Reflexionando sobre a historia dos xudeus na Galiza, Anselmo López Carreira, historiador,profesor da UNED e catedrático de secundaria, indica que a conexión do xudaísmo en xeral, e moi concretamente do xudaísmo medieval galego co actual Estado de Israel incorre na utilización espúrea dun feito histórico, cunha anacrónica intencionalidade política.

-Anselmo, recentemente foches coordenador e ponente no curso “As Xuderías de Galiza”, organizado pola UNED nas vilas de Ribadavia e Monforte. O sentido destes eventos lembrando as comunidades xudías na Galiza, é meramente histórico ou tamén político?.

Como coordenador dun curso universitario naturalmente contemplo ante todo a súa dimensión histórica, científica, o cal –como por outra parte se comprende con
facilidade- non exclúe a súa operatividade socio-cultural no noso mundo actual. Non pode ser excluída esta dimensión, so pena de caérmos na máis estéril erudición.

Ora ben, isto debe ser contemplado dentro da esperada utilidade da Historia para a conformación positiva da sociedade do futuro. No caso de Galicia, para a recuperación e dignificación do noso pasado colectivo e a mellora da nosa autoestima como pobo.

Se o entendemos como a particular utilización política do xudaísmo histórico desde unha perspectiva sionista, entón trataríase dunha ostentosa manipulación.

-O centro de Estudos Medievais de Ribadavia recibeu en Xerusalem o pasado día 30 de Outubro uno  dos premios máis prestixiosos concedidos no estado israelí, o Samuel Toledano. Cal é a tua opinión sobre o sentido deste premio?

A conexión do xudaísmo en xeral, e moi concretamente do xudaísmo medieval galego co actual Estado de Israel incorre na utilización espúrea dun feito histórico, cunha anacrónica intencionalidade política. A intromisión do Estado de Israel na investigación e redimensionamento do xudaísmo histórico de Galicia carece da mínima xustificación.
Quérese presentar como lóxica e natural unha conexión inexistente entre xudeus
e Israel.

Cómpre ter claro que cando focalizamos o xudaísmo medieval galego nos diriximos cara a galegos que profesaban a relixión xudia. Non eran israelís.

-É coñecido que Israel anda a promover por todo o mundo, fundamentalmente a través da casa Sefarad, actividades relacionadas coa cultura xudaica, tratando de identificar ao actual estado sionista, coas comunidades  de relixión hebrea que existían en determinados lugares, especialmente na Europa Occidental do renacimento. Ao teu entender, estase notando esta actividade na Galiza?

As comunidades xudías da Galicia medieval, concretamente da ourensá (por ser eu de Ourense e ser esa a comunidade mellor documentada), foron un dos meus primeiros obxectos de estudo. Non prestei o mínimo interese ao sionismo e por iso durante moito tempo non tiven ocasión de percibir semellante intromisión. Sen embargo, a partir dun determinado momento si que vin con claridade a inxustificada presencia do Estado de Israel, ben mediante o envío de representantes a eventos nos que se inmiscuían, ou ben concedendo premios a traballos de investigación histórica.
Nalgunha ocasión evitei participar nalgunha xornada científica para non formar
parte desa manipulación.

-Moitas comunidades xudías actuais, especialmente as ortodoxas, están en forte oposición fronte ao estado de Israel. Como interpretas esta situación?.

O Estado de Israel é unha creación imperialista do ano 1948. Nin o fenómeno relixioso ou cultural xudeu nin a existencia histórica do xudaísmo estaban abocados a ese fin, senón que ese Estado é resultado conxuntural de determinadas condicións políticas do momento. Por tanto, é natural (e esperanzador) que moitas persoas honestas que profesan a relixión xudía ou se senten pertencentes a ese mundo cultural, non queiran ser cómplices dos horrores do sionismo.

-Como ves o futuro?. A opiniom pública occidental cairá da burra e verá….

 Por desgracia, coido que todo depende da famosa correlación de forzas. Mentres prevaleza da hexemonía dos que impuxeron e sosteñen o Estado de Israel, este contará con interlocutores (Festival de Eurovisión, etc.). Creo que unha moi significativa parte da cidadanía (e falo da occidental) percibe algo de ilícito, mais isto importa ben pouco aos poderes imperialistas.

Todo o mundo é consciente da inxustiza intolerable en que vive o pobo palestino, mais o uso da forza bruta impide que as cousas cambien.

Aínda que naturalmente, por convicción, albergue esperanzas para o futuro, son pesimista no presente, que é a dimensión en que día a día viven centos de miles de persoas en Palestina.

 

Comments are closed.