Netanyahu non tratará como terroristas aos “colonos extremistas”

Fonte: www.elpais.com

Os colonos extremistas mostráronse especialmente activos nos últimos días. Atacaron a palestinos e queimaron mesquitas, como en anteriores ocasións. Pero tamén asaltaron unha base do Exército israelí e agrediron aos seus dous máximos oficiais, un coronel e un tenente coronel. Iso obrigou ao primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, a enfrontarse a un problema que leva anos fóra de control. Netanyahu decidiu que en diante os colonos violentos sexan detidos e xulgados por tribunais militares. Pero negouse a catalogar a eses grupos entre as “organizacións terroristas”, como lle pedían os ministerios de Xustiza e de Seguridade Pública.

As organizacións políticas dos colonos apresuráronse a condenar a violencia. Danny Dayan, presidente do Consello de Yesha, que dirixe a empresa colonizadora na Cisxordania ocupada, afirma que as agresións “non son xustificables”. Pero matiza que existe “unha campaña de desprestixio” contra os colonos. Dayan e outros líderes da colonización reuníronse hoxe co presidente Shimon Peres, quen afirmou que o que fan os mozos colonos da extrema dereita relixioso “debe terminarse xa”.

Nas últimas horas foron cubertas de inscricións obscenas e incendiadas dúas mesquitas, unha en Xerusalén e outra preto de Ramala, nos territorios ocuoados. No barrio de Kiriat Moshe, no centro de Xerusalén, centos de relixiosos ultranacionalistas enfrontáronse onte á policía despois da detención de seis novos colonos, deportados recentemente do asentamento de Ramat Gilad polas súas actividades violentas e sospeitosos do incendio dunha das mesquitas. Cinco automóbiles palestinos foron incendiados en Cisxordania.

Todo iso non suscitaría especial alarma, porque a sociedade israelí que vive detrás da liña verde, que separa Israel dos territorios ocupados, fíxose refractaria a ese tipo de noticias. O asalto ao cuartel xeral da Brigada Efraim, con todo, constituíu unha aldrabada. Os colonos ultradereitistas aproveitaron que numerosos soldados foran desprazados a Ramat Gilad, un pequeno asentamento de 15 familias pendente de demolición por orde xudicial e foco de tensión permanente, para entrar na base militar con paus, pedras e cócteles molotov.

Golpearon ao tenente coronel, apedrearon o automóbil no que tivo que encerrarse o coronel e feriron levemente a varios soldados, mentres lles acusaban de “nazis”. Ninguén fixo uso das armas para defenderse da agresión, o que dá unha idea de como funcionan as cousas nos territorios ocupados. A extrema dureza con que se afronta calquera protesta palestina (hai catro días morreu un palestino que lanzaba pedras, alcanzado na cara por un bote de gas) transfórmase en respecto reverencial ante os colonos.

Que os colonos radicais ataquen de forma tan aberta ao Exército, a institución máis fundamental de Israel, causou alarma. Os ministerios de Xustiza e Seguridade Pública pediron a Netanyahu que considerase o radicalismo violento entre os colonos como terrorismo, o que permitiría dificultar os seus movementos (non poderían, por exemplo, alugar autobuses para desprazarse nas súas expedicións punitivas contra os palestinos) e impor penas máis severas.

Netanyahu non se atreveu a dar ese paso. Autorizou ao Exército a realizar detencións, sen esperar á policía como adoita facerse, e ordenou que os colonos acusados de violencia sexan xulgados polos mesmos tribunais militares que xulgan aos palestinos. Non está claro, vista a mansedumbre dos soldados fronte aos colonos, que as condenas vaian resultar máis severas que as da xustiza civil. Pero Netanyahu decidiu que os violentos non son “terroristas”, senón “anarquistas”, o cal carece de implicación penal.

Os membros dos grupos en cuestión son coñecidos como “mocidade das cimas”, polo feito de que os asentamentos xudeus nos territorios ocupados sitúanse no alto dos outeiros. É moi difícil sometelos a control porque son os fillos dos dirixentes do movemento colonizador, aparentemente máis radicais que os seus pais porque expresan de forma aberta e sen cautelas políticas unha ideoloxía, baseada no odio aos palestinos e na convicción de que expulsar á poboación nativa e crear o Gran Israel constitúe un mandato divino, compartida pola inmensa maioría dos colonos militantes. En lugar do gradualismo táctico preferido polos adultos, os mozos optan pola acción. E cren que o Exército se converte no seu inimigo cando obstaculiza o seu mandato divino.

One comment

  1. Netanyahu non tratará como terroristas aos “colonos extremistas” diz:

    [...] Netanyahu non tratará como terroristas aos “colonos extremistas” http://www.bds-galiza.org/2011/12/netanyahu-evita-tratar-como-terro…  por tolocan hai 3 segundos [...]