Mohamed Safa: “A historia de todos os pobos é a da loita por conquistar a súa liberdade e independencia”

Entrevista de Olalla Rodil para Sermos Galiza

Mohamed Safa é palestino, mais vive fóra do seu país desde hai máis de trinta anos. A ocupación israelí impídelle regresar á súa patria polo que se considera un exiliado. Representante da OLP en Galiza, conversou connosco para analizar os últimos ataques sobre a Faixa de Gaza levados a cabo polo exército israelí o pasado mes de outubro, mais tamén quixemos analizar con el o novo período que se abre após o recoñecemento de Palestina como estado observador das Nacións Unidas.

Mohamed Safa

Canto tempo leva fóra de Palestina?

Marchei moi novo como milleiros de estudantes palestinos, que comezamos a buscar algún país en que cursar os nosos estudos superiores, cousa que non é doada no noso país. Levo fóra do territorio palestino arredor de trinta anos.

Considérase exiliado?

Eu saín do meu país por decisión propia, mais a miña volta ao territorio palestino segue estando suxeita ao permiso das autoridades militares israelís. Por tanto, si que son, neste caso, exiliado por non poder entrar e saír do meu territorio como nun Estado libre.

Como se loita contra 64 anos de colonización?

A historia de todos os pobos é a da loita por conquistar a súa liberdade e independencia, nós non somos unha excepción. É certo que o drama dos palestinos é bastante duro porque a metade do noso pobo está baixo unha ocupación e a outra metade en campamentos de refuxiados. É un camiño longo e duro, porén é o compromiso polo cal reivindicamos a nosa palestinidade por unha causa xusta e nobre.

“É certo que non se albisca un fin moi próximo, mais si o dunha resistencia permanente”

Así pois, este segue a ser un compromiso defendido pola inmensa maioría do pobo palestino que aspira a conquistar a súa liberdade. Esta é unha loita dura, porque ninguén opta de maneira libre a vivir en campamentos de refuxiados -onde seguen a conservar a chave da casa da cal foron expulsados. Loitamos transmitindo o noso relato xeración tras xeración; o relato da traxedia que viviron os palestinos desde 1948. É certo que non se albisca un fin moi próximo, mais si o dunha resistencia permanente. Eu non teño máis que admiración por este pobo que é quen de manter a súa memoria, o seu dereito e as súas reivindicacións.

Palestina foi finalmente recoñecida como estado observador. Como valora a votación da Asemblea xeral das Nacións Unidas?

A miña valoración é positiva porque atopamos ese apoio maioritario nas Nacións Unidas. Neste sentido, existen dúas perspectivas, dunha banda é un apoio aos dereitos do pobo palestino, das súas liberdades e do dereito a ter un estado de seu e, doutra, foi unha mensaxe dirixida a Israel como unha maneira de dicir abonda! pois a comunidade internacional xa non acepta ese discurso ambiguo de ‘queremos a paz’ mais ao mesmo tempo seguir mantendo a mesma política de ocupación á fin de arruinar o proxecto dun Estado palestino libre.

Que supón este feito para a vida cotiá da cidadanía palestina?

Francamente non supón mudanzas para os palestinos que se atoparon ao día seguinte con colonias e cun soldado israelí apuntando as súas casas. Esta é a realidade amarga. Mais iso non anula que a conquista que conseguimos é unha conquista moral e de apoio dunha parte importante da comunidade internacional. É unha arma que agora temos que saber empregar, por exemplo, indo á Corte penal internacional a denunciar a Israel polas prácticas desenvolvidas sobre o territorio palestino. No entanto, o palestino hoxe en día non percibe o cambio na realidade sobre o terreo malia a ledicia dunha poboación palestina que saíu á rúa a festexar o resultado da ONU. O éxito é lograr o recoñecemento internacional para solucionar o conflito.

“O palestino hoxe en día non percibe o cambio na realidade sobre o terreo malia a ledicia dunha poboación palestina que saíu á rúa a festexar o resultado da ONU”

Porén, Israel anunciou a construción de 3000 novas vivendas para colonos como represalia…

O proxecto da colonización do territorio palestino é unha estratexia. Non son as primeiras colonias nin serán as últimas. O medio milleiro de colonos que se instalaron no territorio palestino desde 1987 até hoxe, débese a un plan israelí de colonizar o país, fragmentar o territorio palestino e anular a posibilidade dun Estado palestino independente e viábel. Neste sentido, o importante das colonias non é o número senón a localización.

Eu quero deixar claro que a colonización do territorio palestino non é unha reacción a, é algo que viña facéndose desde hai moito tempo e que procuraba expropiar un territorio palestino, desaloxar a familia palestina para instalar colonos doutros territorios e baleirar o noso territorio de maneira progresiva, asfixiando a nosa vida até non nos quedar máis opción que coller as maletas e abandonar.

En 2009 a Operación Chumbo fundido e este ano Alicerce defensivo, que papel xogan as eleccións en Israel na intensificación da ofensiva?

Segundo as datas, obviamente as súas campañas electorais comezan bombardeando os palestinos da Faixa de Gaza e con detencións masivas en Cisxordania. Semella que o dirixente israelí é moito máis aceptábel para a súa sociedade canta máis capacidade teña para destruír soños e cidadáns palestinos.

É certo que aconteceu así en ambas as dúas eleccións, mais Israel non precisa pretextos para atacar o territorio palestino. Sempre o fixo. Mais esta conxuntura quizais favorece os partidos políticos para procurar o apoio da súa sociedade. Israel creouse pola forza e cre que a única forma de manterse é tamén pola forza. A nosa mensaxe segue a ser que ningunha forza pode outorgar seguridade, a única posíbel é a dun entendemento pacífico cos palestinos.

“O dirixente israelí é moito máis aceptábel para a súa sociedade canta máis capacidade teña para destruír soños e cidadáns palestinos”

Hamas e Al-Fatah están a vivir este momento como unha posíbel reconciliación…

Este é o desexo que compartimos todos os palestinos, cando nos erguemos agardando que Al-Fatah e Hamas poidan reconciliarse e reconducir un proxecto político palestino común. Eu creo que esta vez existe maior solidez aínda que non apostaría totalmente por esta posibilidade. Este éxito diplomático e a resistencia na Faixa de Gaza deu un apoio ao proxecto palestino, mais hai que culminalo cun proxecto colectivo. Isto é, a obriga dun liderado palestino de cara aos próximos anos. O veto á reconciliación palestina non é un veto palestino, é americano-israelí e europeo.

Pensa volver ao seu país?

Sempre dixen que vivín moitos días felices na miña vida, mais creo que o mellor día e o máis feliz será cando os palestinos poidamos volver ao territorio palestino. Eu querería dicir non só que son palestino senón que son libre ao mesmo tempo. Este é o soño de todo palestino. Volver a un territorio libre e sen ocupación na cal todos poidamos participar e construír. Esta é unha meta colectiva. A miña ilusión e o meu soño é este.

 

Quizáis che interese...