Teólogas e Teólogos contra a investidura de Doutor Honoris Causa de Netanyahu na Universidade de Murcia

COMUNICADO DA ASOCIACION DE TEÓLOGOS E TEÓLOGAS XOÁN XXIII E  DOS COMITÉS ÓSCAR ROMEU DO ESTADO ESPAÑOL

Tivemos noticia de que o próximo mes de setembro o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu será investido Doutor Honoris Causa pola Universidade católica de Murcia -UCAM-, a través da cátedra de Ética Política e Humanidades, que dirixe o ex presidente do goberno español, José María Aznar, quen será o padriño do dirixente israelí.

É de coñecemento público a situación de represión e violencia que o Goberno de Israel, presidido por Netanyahu, desprega contra o pobo palestino, tanto musulmán como cristián, facendo caso omiso das resolucións de Nacións Unidas  e das chamadas da comunidade internacional.

O Goberno de Israel cerca cidades e pobos, dentro de Cisxordania,  con arames de espiño, illándoos completamente uns doutros. Está a erixir, de Norte a Sur, un muro de 700 quilómetros de longo, para illar e humillar o pobo palestino. Soldados israelís patrullan rúas e mercados polas cidades de Xerusalén, Hebrón, Ramallah, atemorizando a poboación  palestina, cuxa economía se ve esganada debido á escaseza de peregrinos e turistas. Nalgunhas cidades palestinas, os colonos israelís usurparon a auga para a destinar aos seus novos asentamentos,  que crecen sen cesar a pesar da prohibición de Nacións Unidas.

Mais non é esta a actitude de todos os israelís. No Estado de Israel hai  cidadáns e cidadás, organizacións e institucións que están en desacordo co seu Goberno, condenan a súa política represiva e violenta contra o pobo palestino, defenden o camiño do diálogo, un diálogo respectuoso co este pobo e reclaman o seu dereito á independencia.

Ante esta realidade, a Asociación de Teólogos e Teólogas Xoán XXIII e os Comités Óscar Romeu do Estado Español manifestamos o noso máis radical rexeitamento ao galardón concedido pola Universidade Católica de Murcia ao primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, por consideralo un insulto e un desprezo ao pobo palestino, un atentado contra os Dereitos Humanos e unha negación da dignidade deste pobo que habita con dereito a terra desde varios milenios. Parécenos un escándalo que unha Universidade que se proclama católica actúe en contra dos máis elementais principios da Ética humanitaria e do Dereito Internacional e lexitime actuacións que lesionan os lexítimos dereitos do pobo palestino. .
Na encíclica Pacen in terris Xoán XXIII chamaba cristiáns e non cristiáns a construíren a paz fundada na liberdade, a xustiza e o amor. Monseñor Romeu denunciaba proféticamente a “paz” baseada na represión e o medo, e facía un chamamento a respectar o dereito a unha vida digna. Jesús de Nazaret clamaba, indignado: “Ai de vós cando todo o mundo vos encomie, porque iso é o que facían os antepasados desta xente cos falsos profetas!” (Lc 6,26). O salmista xudeu defendía o encontro entre Bondade e Lealdade e o bico entre Xustiza e Paz  (Sal 85,10). Contra os desexos do salmista, Netanyahu conseguiu unha alianza entre a inxustiza e a violencia para destruír o pobo palestino, lexítimo habitante deses territorios desde milenios.

Se a Universidade Católica de Murcia non quere ser cómplice da sistemática agresión do Goberno de Israel contra o pobo palestino, debe renunciar á concesión do doutoramento honoris causa ao primeiro ministro israelí. Aínda está a tempo.

Madrid, 7 de agosto de 2013

Quizáis che interese...