Especialistas en Dereito Internacional reclaman actuación contra Israel

Fonte: www.esculca.net

142 especialistas de dereito internacional publican unha Declaración Conxunta dirixida á Comunidade internacional instando a actuar para pór fin aos castigos colectivos de Israel contra a poboación civil da Faixa de Gaza. Entre os primeiros asinantes figuran Richard Falk (actual Relator da ONU para os Dereitos Humanos nos Territorios Ocupados) e o seu antecesor John Dugard.

A Declaración Conxunta analisa a situación que se vive na Faixa incidindo na ilegalidade dos castigos colectivos que Israel perpetra os habitantes para despois fazer un chamamento aos organismos internacionais a actuaren “coa máxima urxencia para pór fin á escalada de violencia contra a poboación civil da Faixa de Gaza e activar os procedementos para facer render contas aos responsábeis de violacións do dereito internacional”.

O colectivo de xuristas chama tamén a un imediato cesamento do fogo e denuncia con vigor “as presións políticas vergoñosas exercidas por varios Estados membros da ONU e a propia ONU sobre o presidente Mahmoud Abbas, para desalentar o recurso á Corte Penal Internacional (CPI)” e insta os líderes gobernamentais da Palestina “a invocaren a xurisdición da CPI, mediante a ratificación do tratado da CPI e no período provisional até presentar a declaración prevista no artigo 12 (3) do Estatuto de Roma, co fin de que sexan investigados e xulgados os delitos internacionais graves cometidos no territorio palestino”. Finalmente, reclaman do Consello de Seguridade da ONU que exerza “as súas responsabilidades en relación coa paz e a xustiza ao referirse á situación en Palestina ante a Fiscalía da CPI”.

Ver aqui a Declaración Conxunta.

Ver aqui a versión en galego.

Comments are closed.