A defensa da paz xusta desde a comunidade da USC

BDS, USC, Israel, Palestina

Selena Pizarro Gómez Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela

 

“Polos momentos de loito que vivimos, antes que sermos italianos, españois, ingleses, australianos, neste momento somos todos palestinos. Se só por un minuto ao día o fósemos todos, como moitos fomos xudeus durante o Holocausto, creo que nos poderíamos aforrar todo este masacre”. Vittorio Arrigoni

 

Hai pouco tivo lugar a defensa do Traballo de Fin de Grao co título: Comunicación e violación dos Dereitos Humanos. Deseño dunha campaña de BDS na USC a raíz do conflito palestino-israelí, que presenta a campaña de boicote académico na Universidade de Santiago de Compostela (USC) como unha medida de responsabilidade social desde o mundo da academia. A partir da historiografía da cuestión palestina e do contexto actual procúrase o rol da sociedade civil internacional e, máis concretamente, dos centros de educación superior. Insístese así no deber de esixir e presionar para o cumprimento da lei universal, a través de estratexias como a campaña de Boicote, Desinvestimentos e Sancións (BDS) ao Estado de Israel.

Precisamente, neste ano 2017 teñen lugar os aniversarios dunha serie de datas que marcan a situación actual, falamos de 100 anos desde a Declaración de Balfour de 1917. Tamén de 70 anos desde o plan de partición de Palestina adoptado pola ONU en 1947, que orixinou a Nakba e a expulsión de 750.000 palestinas e palestinos do seu país a través dun proceso de limpeza étnica. Hai 50 anos desde o comezo da ocupación de facto por parte de Israel no 1967 de Cisxordania, Xerusalén Oriental, a Franxa de Gaza e os Altos do Golán. E falamos de 10 anos do asedio á Franxa de Gaza no 2007, e na que resisten -ou tratan de resistir- case dous millóns de persoas.

Así mesmo, se a matanza de Shaperville (1960) na Suráfrica provocou a condena mundial e o chamamento ao castigo, por que non os sucesivos bombardeos a Gaza? Durante a operación Chumbo Fundido (2008), Israel deixou constancia da súa negativa na procura dunha paz xusta. Por iso no ano 2005, a sociedade civil palestina fixo un chamamento a toda a cidadanía internacional para que apoiara o movemento de BDS, até que o Estado israelí cumprira co Dereito Internacional. O boicote configurouse como unha ferramenta non-violenta na procura do fin da colonización das terras de 1967 e do desartellamento do Muro, do recoñecemento dos dereitos da cidadanía árabepalestina de Israel, e polo retorno das persoas refuxiadas. Sen a efectividade destas tres demandas, recollidas tamén na lei universal, non haberá unha paz xusta nin en Palestina, nin tampouco en Israel.

Desta maneira o século XXI preséntase como o período de asumir as responsabilidades do pasado, recompensar os erros e facer xustiza. O interese desta campaña é non permitir a normalización da violencia como política de Estado. Non se pode concibir a coexistencia nun sistema de segregación, mais si é posíbel a procura da corresistencia, onde a poboación civil israelí ten un rol esencial. Con todo, na actualidade o 70% da cidadanía palestina foi desprazada forzosamente, o que o consolida como o máis numeroso e loxevo pobo refuxiado do mundo, como consecuencia da inmobilidade dos organismos das Nacións Unidas ante o incumprimento da lei universal. Por iso, a sociedade civil debe promover a campaña, porque o boicote permite mediante a participación colectiva a capacidade de contribuír na defensa dos Dereitos Humanos en calquera momento e desde calquera ámbito. O BDS busca desfacer a estrutura conceptual da Marca Israel, que se basea no proceso de whitewashing instituído desde as universidades e que se consolida nas relacións internacionais co resto de Estados de occidente.

Do mesmo modo, desde a universidade cabe a posibilidade de participar na campaña BDS a través do boicote académico. A investigación trata de encamiñar á USC, desde a óptica da solidariedade e da legalidade internacional, na defensa dos Dereitos Humanos como parte da responsabilidade social das institucións en democracia. É dicir, a colaboración co Estado de Israel ou entidades dependentes do mesmo, unha vez demostrado o sistema de ocupación e apartheid, así como o silencio ante os actos criminais executados, consolidan a participación do resto de institucións internacionais nos feitos. Neste caso, os resultados do proxecto permiten afirmar que a USC é cómplice das accións das universidades israelís, e atendendo ao posicionamento destes centros dentro da estrutura do seu goberno ratifica á vez a conivencia coas políticas do Estado de Israel. De modo que entra en xogo o compromiso do centro.

Así, esta investigación demostra a necesidade de apoiar o boicote académico dentro da USC en coherencia cos valores éticos e morais dunha universidade, desde unha perspectiva positiva e esperanzadora para toda a comunidade. En primeiro lugar, é importante recordar a non posición política do boicote respecto á cuestión, tan só fai referencia a protección dos Dereitos Humanos e do Dereito Internacional, como unha máxima que todos os Estados asinantes están na obriga de cumprir. En segundo lugar, o feito de non boicotear ás institucións académicas israelís crea a subordinación da academia palestina, desamparando o dereito á educación do pobo oprimido. Alén diso, a campaña BDS está dentro da legalidade tanto polas súas peticións como a través do Dereito á Resistencia promovido polas Nacións Unidas. O boicote académico configúrase como unha alternativa para a USC dentro da súa responsabilidade social, aínda que o camiño cara o seu éxito encóntrase actualmente nun estado de parálise. A dependencia das universidades occidentais aos seus gobernos provoca a inestabilidade da campaña. Mais, desde as bases da universidade, estudantado e profesorado, existe unha vía que require unha maior exploración, polo menos na transmisión da mensaxe de corresponsabilidade na impunidade do Estado de Israel e, con isto, na aceptación das violacións dos dereitos das palestinas e dos palestinos.

Este traballo analiza o rol da universidade dentro da estrutura do Estado de Israel. A documentación empregada durante o proxecto corrobora a complicidade das universidades israelís na ocupación e apartheid. A normalización da Marca Israel, que se basea na limpeza da súa imaxe agochando as accións contra a poboación palestina, provoca a lexitimidade do proxecto colonial. As accións das universidades israelís na ocupación e apartheid recollidas no estudo son: Creación de fondos de bolsas especiais que se destinan ao financiamento das operacións contra Gaza, construción da narrativa do discurso sionista, adoutrinamento e incitación ao odio por medio dos planos de estudo, portas xiratorias entre as universidades e os consellos de administración das empresas de armamento, discriminacións contra o estudantado palestino e persecucións contra o profesorado crítico coas accións do Estado, recompensas para os estudantes que participaran nos masacres contra Gaza, recrutamento de alumnado con fins militares por medio de programas de reserva académica que financian os seus estudos ao alongar o servizo militar, creación de xeracións de oficiais para as IDF, ubicación de infraestruturas das universidades dentro dos Territorios Ocupados, ampliación dos asentamentos, colaboracións co exército e con empresas de defensa e seguridade para proxectos de investigación destinados á industria armamentística, instalacións militares dentro dos campus, e reforzo do sistema de ocupación e represión do pobo palestino.

Outrosí, as universidades israelís forman parte do sistema de occidentalización da academia. Así confírmase que estes centros de educación superior perpetúan o memoricidio do pobo palestino, xa que son os produtores das capas hexemónicas dos poderes políticos e económicos. Verifícase, por tanto, a imposibilidade de defender unha universidade libre e autónoma nunha sociedade hipermilitarizada como a de Israel. Así mesmo, o traballo describe as condicións do dereito á educación da poboación palestina. Por medio da análise do informe de Stop de Wall ( 2007) e dos testemuños das organizacións defensoras dos Dereitos Humanos, ratifícanse as violacións do dereito á educación e do dereito á liberdade académica. Evidénciase o proceso de xudaización dentro do ensino a través da discriminación e represión aos estudantes palestinos, sendo as medidas máis extremistas: A eliminación da memoria do pobo palestino e a marxinación da lingua árabe, a relegación das palestinas e dos palestinos no acceso aos traballos dentro da educación, a restrición da liberdade de cátedra ou os tratos discriminatorios á hora de recibir axudas financeiras, a contribución dos avances tecnolóxicos empregados nas accións bélicas contra a educación palestina, e a represión diaria no fortalecemento dos sistemas de coartación de mobilidade a raíz dos checkpoints e o Muro.

Finalmente, a investigación asenta como eixos esenciais que fundamentan a adhesión das universidades ao boicote académico: A coherencia coa defensa do dereito á educación, o rexeitamento á complicidade das universidades israelís no sistema de ocupación e apartheid, e a batalla contra a narrativa da ideoloxía fundamentalista na que se basean as políticas sionistas. Así pois, a USC ten a responsabilidade social de traballar na educación para a paz, o que implica a necesidade de rachar as relacións establecidas coas universidades israelís que se opoñen á preservación dos dereitos colectivos e individuais das palestinas e dos palestinos. Deste xeito, a universidade convértese no lugar idóneo para promover a defensa do Dereito Internacional, a través dun proceso que debe iniciarse desde as bases, pero que afecta directamente á credibilidade do centro e ao seu prestixio social. A USC debe camiñar cara a súa transformación nun Espazo Libre de Apartheid Israelí, co fin de contribuír ao auxe dos valores democráticos de igualdade, dignidade e xustiza do pobo palestino, mais tamén do pobo galego. Do mesmo modo, a universidade internacional é corresponsábel desta situación, o silencio das institucións fomentan a normalización das violacións dos Dereitos Humanos en Palestina, provocando o risco de convertelas en cómplices. Igualmente, a comunidade universitaria da USC, por medio do chamamento á participación colectiva, ten a obriga moral e social de conservar un reduto ético e, por tanto, promover a adhesión do centro ao boicote académico. En definitiva, ningunha universidade do mundo poderá defender a súa independencia senón apoia, á vez, a liberdade da academia palestina e, así mesmo, o seu dereito a existir que se fundamenta na súa propia resistencia.

Mais, para isto é importante considerar a universidade como expresión da democracia, o que nos permite repensar esta institución, aínda que ás veces implique cuestionar accións que poden chegar a enfrontarse con outros aspectos, como coa súa propia responsabilidade social. Neste sentido, como defendía o filósofo francés Lyotard, non hai que esquecer que unha das funcións da universidade é a súa contribución no progreso moral da humanidade.

Quizáis che interese...