Solidariedade coa frota pesqueira de Gaza

Fonte: Rumbo a Gaza

Pasaron varios meses desde o último intento levado a cabo pola Coalición da Frota da Liberdade para rachar co bloqueo ilegal da Faixa de Gaza. No pasado mes de outubro, o Zaytouna-Oliva foi asaltado en augas internacionais, a 35 millas da costa de Gaza. A embarcación de Mulleres Rumbo a Gaza (Women´s Boat to Gaza) foi obrigada a mudar o seu camiño cara ao porto israelí, con 13 mulleres a bordo dos cinco continentes.

A preparación desta campaña de Mulleres rumbo a Gaza comezou meses atrás, sendo posíbel grazas ao traballo de moitas persoas ao longo de todo o mundo. Mediante o esforzo de todas esas activistas que colaboraron nas tarefas previas e aquelas que participaron na navegación, conseguiron transmitir ás mulleres de Gaza as mensaxes de esperanza, paz, xustiza e solidariedade.

Durante estes meses, a Coalición da Frota da Liberdade continuou co seu labor e, tras facer balance desta última acción, decidimos centrar o foco da seguinte actuación na situación das pescadoras de Gaza.

As forzas de ocupación israelís restrinxen a pesca en Gaza a un máximo de 6 millas náuticas da beira, cando os acordos de Oslo permiten ás pescadoras navegar até ás 20 millas náuticas. Aquelas pescadoras que infrinxen esa fronteira arbitraria corren o risco de seren tiroteadas ou sufriren outros ataques inxustificados como a incautación de embarcacións e aparellos, e o tratamento inhumano exercido polas autoridades israelís, que adoitan obrigalas a espirse e nadar até ás naves militares israelís. Cómpre sinalarmos que eses ataques, habitualmente, tamén se producen a unha distancia inferior ás tres millas. No mes de febreiro, rexistráronse máis de vinte asaltos deste tipo contra pescadoras de Gaza, os cales na maioría dos casos non aparecen nos medios de comunicación e son consentidos pola comunidade internacional. A pesca constitúe unha fonte importante de alimentos e ingresos para o pobo palestino e, porén, vemos como se encontra seriamente erosionada debido a estas agresións constantes.

 

A acción de solidariedade coas pescadoras de Gaza constará de:

  • Eventos nos portos pesqueiros de todo o mundo para sensibilizar a poboación do brutal e inhumano tratamento que sofren as pescadoras en Gaza.
  • Facilidades para que as pescadoras de todo o mundo doen unha parte da recadación das súas capturas ás pescadoras palestinas de Gaza, a través dunha organización non gobernamental establecida.
  • Axitación de bandeiras palestinas en solidariedade coas pescadoras de Gaza. Aquí é onde vós podedes colaborar!
  • Máis actividades que se aprobarán nas distintas organizacións que compoñemos a Coalición da Frota da Liberdade.

 

O novo proxecto da Coalición da Frota da Liberdade procura un logotipo que reflicta os valores desta coalición e que se convirta nun símbolo de esperanza e solidariedade coas pescadoraes de Gaza. Ese logotipo será usado nos eventos solidarios que a campaña realizará por todo o mundo.

Precísase:

  • Un logotipo que sexa escalábel, vectorizado, claro e atractivo, que se reduce a unha miniatura ou pintado no casco dun barco ou un banner/bandeira.
  • Un logotipo que se poida utilizar en cor ou na escala de grises/ branco e negro.

 

Participa e envía o teu deseño a mediawbg@gmail.com (até ao 15 de abril de 2017). A coalición escollerá o deseño/deseños gañadores e notificará ás persoas que participaron o resultado da decisión final.

 

Non debemos esquecer que:

A faixa de Gaza estivo baixo o bloqueo israelí durante a última década, un tempo en que Israel lanzou innumerábeis ataques contra a poboación asediada, convertendo a súa vida nun pesadelo e nunha loita continua. A través das Frotas da Liberdade e outras misións navais conseguimos chamar a atención internacional sobre o sufrimento e a resistencia do pobo palestino de Gaza.

A Coalición da Frota da Liberdade non só busca denunciar o bloqueo israelí neste territorio, senón que tamén pretende mostrar a súa solidariedade e difundir unha mensaxe de esperanza ao pobo palestino. Grazas ao apoio de mulleres, homes, organizacións non gobernamentais e diferentes grupos da sociedade civil conseguiremos que isto suceda.

A Coalición da Frota da Liberdade está composta por organizacións da sociedade civil e iniciativas de numerosos países. Durante anos, impugnamos o ilegal e inhumano bloqueo israelí de Gaza e temos o compromiso de continuar a loita até que este bloqueo sexa levantado de forma incondicional e o pobo palestino recupere os seus plenos dereitos.

Por todos os motivos expostos anteriormente, animámosvos a que vos sumedes a esta iniciativa da Frota da Liberdade na que participa Rumbo a Gaza e na que colabora BDS-Galiza. Nas próximas semanas seguiremos informándovos de que maneira se poderá participar.

 

Quizáis che interese...