Comunicado de Omar Barghouti respecto á súa detención polo estado de apartheid israelí

Mensaxe de Omar Barghouti, co-fundador do Movemento de Boicote, Desinvestimentos e Sancións (BDS) respecto á súa detención polo estado de apartheid israelí.

Publicado o día 3 de abril de 2017.

Queridxs amigxs e compañeirxs:

Finalmente, permitenme acceder ao correo electrónico despois de 12 días de termo prohibido na fase máis intensa do interrogatorio ao que me están a someter as autoridades israelitas.

A declaración do BNC (Comité Nacional Palestino do BDS) sobre o asunto resume con precisión este último capítulo na guerra do réxime israelita contra o movemento BDS.

Debido a unha orde mordaza, non estou autorizado a afondar nos detalles do caso. Négaseme, por tanto, a posibilidade até de refutar as viciosas mentiras publicadas polo réxime israelita contra min. Tampouco teño présa en facelo, pois o seu obxectivo principal – o intento de manchar a miña reputación e, por extensión, prexudicar o movemento BDS – fallou claramente.

A súa campaña de represión, dalgunha maneira, saíulles pola culata. Ao impedirme viaxar aos Estados Unidos para recibir o Premio Gandhi da Paz xunto con Ralph Nader, o réxime de Israel, inadvertidamente, deulle  publicidade a este premio.

Primeiro de todo, lin as numerosas e emotivas mensaxes de solidariedade que enviastes moitxs de vós e iso deume aínda máis forza e esperanza para resistir a caza de bruxas macartista contra min. Aprecio profundamente as vosas cartas e os sinceros sentimentos de apoio que transmiten. Estou moi agradecido a todxs xs que escribiron artigos e a cada organización que emitiu unha petición ao respecto.

Nada capacita máis axs defensorxs dos dereitos humanos ao afrontaren persecución política, que sentir a calor de toda unha comunidade de activistas e persoas de conciencia que están con elxs e continúan a loita, si ou si.

Dende hai máis dun ano xs compañeirxs do movemento BDS e mais eu vimos avisando sobre o “aparato para desacreditar” establecido polo Ministerio israelí de Asuntos Estratéxicos como un órgano fundamental na loita contra o BDS. Como teño escrito e argumentado a miúdo, a función principal deste falaz aparato resúmese en “desenterrar lixo” contra as persoas e redes defensoras dos dereitos humanos asociadas ao movemento BDS e se non atopan lixo, fabrícano.

McCarthy estaría orgulloso dxs seus leais herdeirxs no réxime de opresión e represión de Israel.

Moitxs de vós preguntades pola maneira de apoiarme para afrontar esta última persecución. A miña resposta é, sen dúbida… máis BDS!

Necesitamos ampliar, darlle relevancia e mellorar as nosas múltiples e inspiradoras campañas BDS, no académico, cultural e económico, como o xeito máis eficaz de responder ao novo macartismo deseñado polo réxime de ocupación, de asentamentos coloniais e apartheid de Israel e exportado aos estados onde os seus grupos de presión gozan de enorme influencia.

A resposta é impulsar o crecemento do noso movemento pola liberdade, a xustiza e a igualdade.

Facer fincapé e dar a coñecer o recente veredicto sen precedentes dun órgano da ONU de que Israel é culpable de apartheid – o segundo crime máis grave contra a humanidade no dereito internacional – esta é a resposta.

Combater o seu racismo, odio, “listas negras” e a súa arrepiante represión colonial co noso carácter integrador, o rexeitamento categórico de todas as formas de racismo e a nosa paixón sen límites pola liberdade e a xustiza, esa é a resposta.

Seguir fortalecendo as nosas alianzas intersetoriais de principios cos movementos para a xustiza indíxena, racial, económica, social, sexual, climática e outras formas de xustiza é a nosa resposta máis profunda á súa axenda xenófoba, de extrema dereita e fascista e ás súas leis draconianas.

Mentres tentan desesperadamente sementar o medo e a desesperación para conxelar ​​a nosa liberdade de expresión, manchar o noso historial e intimidarnos no silencio, alimentamos a nosa ben basada esperanza con doses xenerosas de campañas eficaces, estratéxicas e moralmente consistentes para acadar a xustiza e a igualdade e insistir no noso dereito a expresarnos libremente e defender os nosos dereitos.

Como seres humanos, non precisamos do permiso de ninguén para perseguir os nosos dereitos inherentes. Como defensorxs dos dereitos humanos, ningún grao de intimidación e acoso moral pode evitar a nosa apaixoada resistencia non violenta á inxustiza, desigualdade e escravitude colonial.

Sós fracasamos. Xuntxs ganamos.

Os últimos ataques salvaxes, até irracionais, contra o noso movemento indican, máis que calquera outra cousa, que realmente estamos vencendo.

En gratitude e esperanza,

Omar

Quizáis che interese...