Auga e Sal: apoio desde Galiza á greve de fame nos cárceres de Israel

Na tarde deste martes mostramos o noso apoio ás 1.600 persoas que manteñen unha dura greve de fame nas prisións de Israel cunha concentración ás portas do Parlamento de Galiza. 48 persoas sumámonos á campaña internacional #SaltWaterChallenge bebendo auga e sal, único alimento que desde hai 23 días inxiren -cando non lles é confiscado polo exército sionista- as/os grevistas e símbolo da solidariedade coa Palestina que se estende por todo o mundo.

 

O pasado 17 de abril 1.500 presos e presas palestinas recluídas nos cárceres israelís iniciaron unha folga de fame total, sen inxerir vitaminas, nin glucosa, tan só auga e sal. Unha situación que se converte en perigosa a partir da terceira semana, que vén de comezar. De feito hai algúns presos e presas que xa sofren un grave deterioro da súa saúde, incluíndo a Maslama Thabet, Muhammad Abed-Rabu e Amjad Al-Namoura, segundo explican as organizacións internacionais de solidariedade coa protesta. A acción reclama condicións dignas nos cárceres, nomeadamente atención médica axeitada, a posibilidade de recibir visitas, de acceder a libros e xornais, e de poderse comunicar coas súas familias.

Segundo a organización Addamir, nestes momentos hai uns 6.300 persoas palestinas presas, entre as que están 500 en situación de detención ‘administrativa’, 300 menores de idade, 13 parlamentares e 28 xornalistas. Por volta de 1.000 desas persoas presas teñen prohibido recibir visitas por “motivos de seguranza” e perto de 20 permanecen en isolamento absoluto. Desde 1968 na Palestina o número de persoas detidas polas forzas israelis elévase a máis de 800.000.

Na tarde deste martes amosamos a nosa solidariedade solidariedade cos e coas folguistas cunha concentración ante o Parlamento galego. A concentración, en que participaron deputados e deputadas, o concelleiro do BNG Rubén Cela, o cantor Xosé Luís Rivas (“Mini”) que recentemente dedicou unha canción ás presas e presos da Palestina, rematou co rexistro, na Oficina de Asuntos Exteriores da Xunta, dun texto que insta o Goberno galego a intervir a favor da/os grevistas. Na acción ante o Parlamento, ademais, os e as concentradas bebemos auga con sal, sumándonos á campaña internacional  #SaltWaterChallenge. Entre as represalias adoptadas polas autoridades penitenciarias está a confiscación do sal, necesario para reter os líquidos e utilizado tamén como antiséptico para protexeren o instestino e o bandullo baleiros.

Represalias de Israel

Os e as prisioneiras están isoladas e incomunicadas, impedindo durante varios días as autoridades israelís o acceso dos seus avogados e avogadas. Ademais, as administracións penitenciarias continúan a tomar represalias, confiscando as súas pertenzas, reducindo o seu tempo de descanso e impedíndolles ver a televisión. Así mesmo, Avigdor Lieberman, ministro de defensa israelí, propuxo publicamente tratar os e as folguistas como Margareth Thatcher tratou no seu día os militantes do IRA na folga de fame na que finalmente morreu Bobby Sands.

Desde BDS-Galiza facemos un chamamento á sociedade galega a “solidarizarse” coa súa protesta.

Na actualidade máis de 6.500 palestinos e palestinas están recluídas nos cárceres israelís, incluíndo 300 menores de idade, 12 representantes parlamentarios e 28 xornalistas. Ademais, segundo a Asociación de Presos Palestinos, dende 1967 máis de 200 persoas prisioneiras morreron nos cárceres israelís.

A CIG, como membro da Iniciativa Sindical Europea pola Xustiza en Palestina, composta por 31 sindicatos que representan máis de tres millóns de traballadores e traballadoras, adheriu nos últimos días á declaración elaborada por esta plataforma en solidariedade coas prisioneiras e prisioneiros palestinos en cárceres israelís. Tamén o BNG trasladoulles o seu apoio e solidaridade aos presos e presas palestinas. “A folga é a resposta ás condicións inhumanas e indignas que sofren e ao trato inhumano e degradante, ás torturas, a falla de asistencia médica básica, sen visitas de familiares, de acceso ao estudo, á escasa ou nulas comunicacións cos seus avogados, ás punicións colectivas e internamento en cadeas de illamento e as chantaxes sistemáticos a menores e persoas con doenzas”, destacou Ana Miranda.

Sexta declaración institucional do Parlamento por Palestina

O pasado ano, a cámara galega reclamou o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas, o respecto dos dereitos humanos de palestinas e palestinos e o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás terras e casas de que foron expulsadas

Está previsto que este mércores o Parlamento galego aprobe unha declaración institucional sobre o pobo palestino, co apoio de todos os grupos, como vén facendo nos últimos anos co gallo do aniversario do comezo do éxodo do pobo palestino, o 15 de maio. Así o fixo no no 2007, 2013, 2014 (en dúas ocasións) e 2016. Na máis recente, aprobada o pasado ano, a cámara galega reclamou o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas, o respecto absoluto dos dereitos humanos de palestinas e palestinos, o respecto absoluto dos dereitos colectivos do pobo palestino e o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás terras e casas de que foron expulsadas. Ademais, a cámara galega aprobou oito declaracións institucionais en memoria das vítimas do Holocausto dende o ano 2007.

Nalgunha ocasión a aprobación destas declaracións orixinou algunha polémica. Por exemplo cando en 2014 o embaixador israelí en España escribiu unha carta a Pilar Rojo, presidenta da cámara, manifestándolle a súa “sorpresa” pola declaración e afirman que deste xeito “o Parlamento de Galicia” uníase “aos peores e máis extremistas inimigos de Israel”. Tamén en 2013, outra declaración institucional -neste caso referida ao Holocausto nazi- xerou debate, ao esixir AGE que nela se incluíse unha condena do exterminio do pobo kurdo, do pobo armenio e do pobo palestino.

Noticia en Sermosgaliza

Noticia en Praza.gal

Noticia en Esculca.gal

Quizáis che interese...

1 Resposta

  1. 15 de Maio de 2017

    […] than 45 people gathered on Tuesday 9 May in Santiago de Compostela, in front of the Galician Parliament and recorded their […]