Apoio e solidariedade de EsCULcA coas máis de 1500 persoas presas en greve de fame nos cárceres de Israel

EsCULcA – Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades – apoia as máis de 1500 persoas presas palestinas en greve de fame desde o pasado 17 de abril e denuncia a continua violación de dereitos humanos, civís e políticos, por parte das autoridades israelís.

Segundo a Asociación Adameer – Organización de defensa dos dereitos dos prisioneiros – na actualidade son máis de 6300 as persoas retidas nos cárceres israelís, entre elas 300 menores de idade, e máis de 1000 as que teñen prohibidas as visitas. Por isto, máis de 1500 presos e presas iniciaron unha greve de fame baixo o lema “liberdade e dignidade” coa que reclaman dereitos básicos como atención médica adecuada, visitas e contacto telefónico coas familias, acceso á lectura e estudos universitarios. Alén disto, esixen o fin do confinamento solitario e da detención administrativa, que permite a detención indefinida sen mediar xuizo, e a liberación das persoas presas baixo este rexime ilegal e inhumano. Medidas que teñen como obxectivo someter o pobo palestino coa complicidade da comunidade internacional.

Esculca denuncia tamén as represalias tomadas nos últimos días polas administracións penitenciarias, tales como isolamento, traslados e prohibición das comunicacións, así como a indignante reacción do ministro de defensa israelí. Avigdor Lieberman, que propuxo ao gabinete tratar as/os grevistas como Margareth Thatcher fixo no seu día cos militantes do IRA en greve de fame; isto é, deixar que morran.

Con todo, a greve de fame recibiu o apoio masivo da sociedade palestina, que realiza protestos e paros nas principais cidades, e de asociacións, sindicatos e partidos políticos de todo o mundo.

Por todo isto, Esculca únese ás voces que demandan a atención dos dereitos básicos das persoas presas e apoia campañas civís, como a campaña de BDS, Boicote, Desinvestimentos e Sancións a Israel, como ferramenta de presión para acabar coa ocupación israelí de Palestina. Por último, esixe responsabilidade por parte do goberno galego, da clase política e dos medios de comunicación ante a continua violación de dereitos humanos e da legalidade internacional por parte de Israel.

Quizáis che interese...