Mar de Lumes apoia aos presos e presas palestinos en folga de fame

COS PRESOS E PRESAS DA PALESTINA, LIBERDADE E DIGNIDADE!

Desde 1948, a cantidade de homes e mulleres palestinianas encarceradas en Israel é contada por centos de millares. Segundo as estimacións, 700.000 persoas, incluídas crianzas de todas as idades, foron detidas polo rexime sionista desde 1967. Entre 1993 e 2001, durante o chamado proceso de paz de Oslo, Israel arrestou 13.000 palestinianos, e desde 2000 até hoxe van xa máis de 50.000. Ninguén na Palestina é alleo aos abusos da ocupación, e tampouco hai unha soa persoa que poida fuxir á experiencia de ver amigos, familiares ou veciños detidos por soldados israelitas en Xerusalén Leste, no grande campo de concentración que é Gaza ou todo ao longo e largo da Cisxordania. O delito desas persoas é a miúdo disfrazado coa perversa fraseoloxía xudicial do sionismo nos seus xuízos-farsa, pero o motivo de fondo non é outro que pertenceren a un pobo activo que loita polos seus dereitos colectivos. Uns dereitos que se resumen no establecemento dun Estado propio, sen apartheid, no lugar onde naceron e viviron até a instalación salvaxe do proxecto racista de Israel.
Este 17 de abril, día mundial dos presos e presas palestinianas, Marwan Barghuti, unha das máis de 6.500 persoas que permanecen nos cárceres sionistas por se resistir á ocupación, iniciou unha greve de fame que se estendeu como un rastillo de pólvora proclamando liberdade e dignidade. As reclamacións son simples e ademais son xustas: acceso ás visitas de familiares, acceso a libros e á posibilidade de realizar estudos universitarios durante o cumprimento das penas, así como a posibilidade de revisión da comida do cárcere, diante das sospeitas de envenamento. Estas reclamacións son así porque aos presos e presas da Palestina lles son negados os seus dereitos de maneira sistemática. Moitos teñen prohibidas as visitas de familiares — violando o IV Convenio de Xenebra —, redúceselles o acceso a espazos para camiñar e moverse, impídeselles continuamente o contacto con outras persoas presas — estendendo de maneira irregular o rexime de isolamento —, etc. Ademais, segundo teñen denunciado os diferentes colectivos de persoas presas, Israel está a experimentar tratamentos médicos en fase de estudo nestes presos, unha medida que o governo sionista di ser “esaxerada”, mais cuxa simple posibilidade resulta, ademais de repugnante, nunha violación flagrante das máis básicas barreiras éticas.
Así as cousas, o sionismo necesita restar forza a esta greve. Para iso, non só comezou a isolar os presos que secundan a greve de fame e mesmo a alimentalos pola forza, senón que lanzou unha campaña masiva nos seus medios de comunicación para desprestixiala, argumentando que Barghuti é un dos líderes de al-Fatah, e que a greve se trata dunha operación política. Esta acusación non só é ridícula — que outra cousa podería ser esta greve, senón un protesto político? —, senón que, ademais, oculta que o seguimento da greve non se limita aos presos desta organización. Máis de 1.500 homes e mulleres de diferentes partidos e movemento, desde Hamas á FPLP, están a participar da acción, que dura xa máis de dúas semanas. Non é a primeira vez que os presos e presas palestinianas inician unha folga de fame. En 2004 e 2012, estes protestos concluíron con importantes vitorias, forzando as autoridades de Israel a aceptar a revisión das medidas de encarceramento. Sen embargo, Israel tamén é coñecido polo seu longo historial de incumprimentos, que non se limitan ao ámbito carcerario, mais que tamén están presentes nel.
Unha vez máis — e todas as veces que sexan necesarias — desde Mar de Lumes, como organización galega internacionalista e anti-sionista, queremos trasladar ao pobo da Palestina a nosa solidariedade e afecto. Sabemos que un pobo que ten visto o 20% das súas xentes seren arrestadas polas forzas de ocupación é un pobo invencíbel e que os proxectos baseados na dominación e no racismo só poden terminar derrotados, máis cedo que tarde. Pero tamén sabemos que a comunidade internacional, o resto de pobos do mundo, teñen a obriga de moverse contra esa ocupación e contra as consecuencias que emanan dela. Por iso, o noso chamamento é para a xente do noso pobo, para que coñeza a barbarie do sionismo nos cárceres e fóra deles, e se implique aderindo á campaña internacional de boicote, desinvestimentos e sancións contra Israel.

Quizáis che interese...