Tres anos despois a traxedia continúa en Gaza

Onte (11/07/2017) morreu un palestino tiroteado polo Exército de Israel após unha suposta tentativa de atropelo no sur da Cisxordania. Dous días antes morría un neno palestino de 18 meses por mor dos gases lanzados pola Policía israelí durante unhas protestas. Exemplos que mostran que apesar dos inxentes medios militares usados polos ocupantes, a situación de violencia en Palestina non remite.

Paradigma da solución militar aos problemas de seguranza que se ensaiou unha e outra vez na Palestina foi a operación que fai agora tres anos lanzou o Exercito israelí contra a faixa de Gaza. Baptizada co nome de «Marxe protectora» foi unha ofensiva militar a grande escala por terra, mar e aire que se desenvolveu durante 50 días. A operación custou a vida a 2.251 persoas palestinas, dúas terceiras partes dos cales eran civís -e delas 551 crianzas-. A destrución foi enorme: 11.000 casas foron totalmente destruídas e 6.800 sufriron danos tan graves que non permitían o seu uso. Desde entón colectores metálicos e humildes tendas substitúen en moitos casos as vivendas que lentamente van sendo reconstruídas con axuda da comunidade internacional. Como lembran os habitantes da faixa, a guerra foi dura mais o seguintes tres anos foron moito máis difíciles.

A pesar dalgunhas pequenas vitorias diplomáticas, como a declaración da Cidade Vella de Hebrón como Patrimonio Universal palestino en perigo pola Unesco -inmediatamente contestada o Goberno de Israel co recorte dos fondos que achega a este organismo internacional-, a situación humanitaria en Palestina é cada vez máis crítica. Á pobreza polo bloqueo e a falta de actividade económica súmase unha contorna cada vez máis degradada, tanto pola destrución provocada pola guerra como pola falta de bens básicos. O fracaso da comunidade internacional en Palestina é evidente, mais inclinarse polo esquecemento non pode ser unha opción.

Fonte: Naiz e EsCULcA.gal

Quizáis che interese...