Proxecto de lei en EUA: entre 250.000 e 1.000.000 mais 20 anos de cárcere por apoiar a campaña BDS

A criminalización do discurso politico e do activismo contra Israel converteuse nunha das máis graves ameazas á liberdade de expresión en Occidente. Na Franza, foron arrestadas activistas por vestiren camisolas chamando ao boicote a Israel. No Reino Unido foron aprobadas unha serie de medidas destinadas a ilegalizar ese mesmo tipo de activismo. Nos EUA, os gobernadores disputan cal deles será o que aprobe a norma máis extrema para impedir as empresas participaren en boicotes a Israel, mesmo se se trata de boicote aos colonatos, que o dereito internacional considera ilegais. Nos campus dos EUA, o castigo a estudantes por expresaren críticas a Israel é tan común que o Center for Constitutional Rights reférese ao fenómeno como “a Excepción Palestina” da liberdade de expresión.

Mais agora, un grupo de 43 senadores -29 republicanos e 14 demócratas- quere aprobar unha lei que converta en delito penal o apoio ao boicote internacional, lanzado para protestar contra décadas de ocupación da Palestina. Os dous primeiros promotores do proxecto de lei son o demócrata Ben Cardin de Maryland e o republicano Rob Portman de Ohio. Talvez o aspecto máis chocante da proposta sexa a dureza do castigo: Calquera persoa declarada culpábel de violar a prohibición poderá ser sancionada con multas que irán de 250.000$ a 1.000.000$ e 20 anos de prisión.

O proxecto de lei, chamado Lei Anti-Boicote a Israel (S.720), foi presentado por Cardin no 23 de marzo. A Jewish Telegraphic Agency informa que a lei “foi deseñada co asesoramento do Comité Americano de Asuntos Públicos de Israel (AIPAC nas súas siglas en inglés). De feito, o AIPAC, na súa axenda para 2017, coloca a aprobación da norma como unha das prioridades do seu trabalho de lobby para este ano.

Entre o grupo de promotores está tamén o senador senior demócrata por Washinton, o líder da minoria Chuck Schumer, o seu colega de Nova York Kirsten Gillibrand, e moitos dos membros do Senado máis liberais, tales como Ron Wyden de Oregon, Richard Blumenthal de Connecticut, e Maria Cantwell de Washington. Ilustra ben a capacidade do AIPAC para contar co apoio de todo o leque parlamentar a presenza de senadores da dereita máis radical como Ted Cruz de Texas, Ben Sasse de Nebraska, e Marco Rubio da Florida.

Unha medida similar foi presentada na Congreso nas mesmas datas por dous Republicanos e un Demócrata e xa conta nestes momentos con 234 co-promotores: 63 Demócratas e 174 Republicanos. Do mesmo xeito que no Senado, o AIPAC reuniu unha impresionante pluralidade de apoios, en que se inclúen como era previsíbel algúns dos membros da cámara situados na extrema dereita -Jason Chaffetz, Liz Cheney, Peter King- xunto co número dous dos demócratas na cámara, Steny Hoyer.

Entre os co-promotores do proxecto de lei figuran numerosos políticos que se converteron en celebridades ao se posicionaren como líderes mediáticos anti-Trup#Resistance, incluindo tres membros da California que se alzaron como heroes para os demócratas e peza fundamental do circuito de notícias por cabo: Ted Lieu, Adam Schiff, e Eric Swalwll. Estes políticos, que arrastran moitos seguidores ao se presentaren como opositores ao autoritarismo, promoven unha das leis máis opresoras e autoritarias da historia do Congreso.

Ao ser coñecida a iniciativa, a ACLU enviou unha carta a todos os membros do Senado urxíndoos a se oporen a esta lei. Avisando que os “promotores desta lei andan á procura de novos apoios”, o grupo defensor das liberdades civis explica que “as persoas serían castigadas pola única razón das súas conviccións políticas”. A carta detalla por que o proxecto resulta tan particularmente ameazador para as liberdades civis básicas:

Non é asunto menor o feito de o ACLU entrar nesta polémica. Un dos episodios máis traumáticos na historia da organización tivo lugar cando perdeu un elevado número de doantes e apoiantes nos finais dos 70 por defender a liberdade de expresión dos neo-nazis durante a marcha de Skokie, Illinois, unha localidade cunha ampla comunidade de sobreviventes do holocausto.

Mesmo as organizacións máis audaces con frecuencia tratan de evitar meterse en polémicas relacionadas con Israel. Incluído este caso, pois despois de deixar claro que a ACLU “non toma partido por ou contra o esforzo para boicotar Israel ou calquera outro país estranxeiro”, o grupo denuncia categoricamente o proxecto de lei promocionado polo AIPAC por ser: “un proxecto de lei que “procura unicamente castigar o exercicio de dereitos constitucionais”.

A ACLU xa se opuxera aos esforzos dos dous partidos para que fosen castigadas no ámbito estatal as empresas que participan no boicote, sinalando que “os boicotes para conseguir obxectivos políticos son unha forma de expresión amparada polas garantías de liberdade de expresión, asemblea e petición da Primeira Emenda segundo sentenza do Tribunal Supremo”, e que este tipo de leis “establecen condicións inconstitucionais para o exercicio de dereitos constitucionais”. O proxecto de lei que agora promove no Congreso máis da metade da Cámara e case a metade do Senado vai ainda máis lonxe que iso.

Até agora, nin un membro do Congreso se uniu á ACLU na denuncia desta lei. The Intercept enviou no día seguinte á alerta da ACLU inquéritos a numerosos membros do Senado e a Cámara de representantes non comprometidos e que ainda non manifestaran a súa opinión sobre este proxecto de lei. Igualmente enviou inquéritos a numerosos co-promotores do proxecto -p.ex. o republicano Lieu- que se presentan a si mesmos como campeóns das liberdades civis e oponentes do autoritarismo. Eis o texto:

  • Congresista Lieu: A pasada noite, a ACLU denunciou vehementemente a lei que V. co-promove -para criminalizar o apoio ao boicote a Israel- como un grave ataque á liberdade de expresión. Quere comentar algunha cousa sobre a denuncia da ACLU? V. é un portavoz destacado das liberdades civis; como pode conciliar ese posicionamento co empeño en conseguir que sexa considerado delito grave o feito de persoas americanas participaren activamente nos protestos contra as accións dun goberno estranxeiro? Imos escribir sobre este tema hoxe e agradeceríamos calquera declaración que quixese facer neste sentido.

Lieu contestou esa mesma mañá: “Obrigado pola súa carta. A lei iniciou a súa andaina no mes de marzo e esta é a primeira vez que vexo que se trata o tema. Imos analizalo.” (The Intercept promete publicar calquera resposta que envíe Lieu, ou calquera resposta dos outros senadores e congresista, logo que a reciba).

A senadora Cantwell declarou a The Intercept que ela é “grande defensora da liberdade de expresión” e revisará a lei naqueles puntos que sinala a Primeira Emenda á luz da declaración da ACLU.

O senador demócrata Chris Coons de Delaware, cando interpelado por The Intercept sobre a denuncia da ACLU no sentido de a lei que el promove criminalizar a liberdade de expresión, confirmou o seu apoio dicindo: “Son partidario de relacións estreitas dos EUA con Israel”.

Entretanto, algúns co-promotores mostraron non ter nin idea do que co-promoven -case como se asinasen de maneira reflexa calquera cousa que lles chegue do AIPAC mesmo sen ter idea do que é. O Senador demócrata Gary Peters, de Michigan, por exemplo, pareceu xenuinamente confuso cando lle preguntaron pola carta da ACLU: “Que Lei? Refrésqueme a memoria”.

E algo parecido aconteceu con outro co-promotor, un dos aliados máis confiábeis do AIPAC, o Senador demócrata Bob Menendez de New Jersey, que dixo: “Quero lela… A verdade é que teño que vela”.

A Senadora Claire McCaskill, tamén co-promotora, dixo que non vira a carta da ACLU mais que habería de darlle unha ollada. “Certamente terei en conta a súa opinión, como teño en conta a de calquera persoa”, afirmou.

Gillibrand, a única senadora do mix presidencial do 2020 que co-promove o proxecto de lei, anunciou a The Intercept que en breve fará unha declaración, que será publicada así que a envíe.

Talvez máis chocante ainda foi a entrevista co primeiro promotor da lei, o Senador demócrata Benjamin Cardin, que parecía non ter nin idea do que contén a proposta, insistindo nomeadamente en que non inclúe sancións penais.

Mais, como puntualizou a ACLU: “O incumprimento da lei será penalizado cunha multa de entre $250.000 e $1.000.000 máis unha condena de 20 anos de cárcere”.

Isto é debido, como o expresou habilmente Josh Ruebner cando o proxecto foi coñecido, “a que o proxecto pretende revisar dúas leis anteriores -a Export Administration Act de 1979 e a Export-Import Bank Act de 1945″, e “as multas previstas neste proxecto son exhorbitantes: un mínimo de sanción administrativa de $250.000 e un máximo de sanción penal de $1.000.000 máis 20 anos de cárcere, porque así o estipula a Lei de Poderes Económicos para Emergencias Internacionales”

Realmente, para ver até que punto son duras as penas, e en que medida son impostas por esta lei, chega con comparar o texto da proposta da Sección 8(a), que establece que os infractores serán “multados dacordo coa Sección 206 da Lei de Poderes Económicos para Emergencias Internacionales (50 U.S.C. 1705)”, segundo as cláusulas de penalidade desa lei, que estipulan:

Que o proxecto de lei se refira á multa, mais non a pena de prisión, non é suficiente para evitar que un xuiz aplique as cláusulas relativas á prisión, porque o proxecto de lei introduce o decreto, di Faiz Shakir, director politico da ACLU, que asina a carta dirixida ao Senado. “A referencia ao decreto mantén aberta a posibilidade de sancións penais, á marxe de cal poda ser a preferencia dos promotores”, afirma Shakir.

O proxecto de lei tamén amplia a prohibición actual de participar en boicotes promovidos por gobernos estranxeiros até cubrir boicotes de organizacións internacionais como a ONU ou a Unión Europea. Asimesmo amplia explicitamente o veto ao boicote ao estado de Israel a cada unha das partes dese estado, incluindo os colonatos nos territorios ocupados. Por esta razón, explica Ruebner, o proxecto de lei -tal como foi concebido- ilegalizaria “as campañas do movemento de solidariedade coa Palestina que teñan como obxectivo presionar as corporación para que corten relacións con Israel ou mesmo cos colonatos israelís.”

Este malfadado proxecto pon en destaque algunhas das dinámicas esenciais, ainda que por regra ignoradas, de Washington.

En primeiro lugar, os xornalistas costuman lamentar a falta de cordialidade entre os dous partidos, no entanto a simples mención da palabra “Israel” provoca que a maioría de membros de ambos os partidos estouren inmediatamente en mostras de unanimidade que farian corar de inveja o rexime da Corea do Norte. Mesmo cando practicamente o mundo enteiro condena unha agresión israelí, ou declara ilegais os colonatos, o Congreso dos EUA -atravesando partidos e liñas ideolóxicas- vive a máis completa harmonía unido contra o consenso do mundo e defendendo o goberno israelí.

En segundo lugar, o debate sobre a liberdade de expresión nos EUA é incribelmente selectivo e sinuoso. Gurús e funcionarios políticos adoran facer campañas erguéndose como campeóns da liberdade de expresión -cando se trata de defender ideas aceptadas pola maioria ou de atacar grupos marxinalizados e sen poder como estudantes universitarios pertencentes a grupos minoritarios. Mais cando se trata de un dos asaltos máis poderosos, sistemático e perigoso á liberdade de expresión nos EUA e en xeral no occidente -a crecente tentativa de literalmente criminalizar o discurso e o activismo dirixido contra a ocupación do goberno de Israel- estes guerreiros da liberdade de expresión costuman gardar silencio.

Em terceiro lugar, o AIPAC continúa a ser unha das forzas lobbystas mais poderosas e perniciosas do país. En que sentido podemos concebir que beneficie americanos e americanas acaberen convertidos en criminosos polo delito de se teren comprometido cun activismo político de protesta contra o goberno dun país estranxeiro? E non é esta a primeira vez que os seus mais devotados xuristas do Congreso traballan por conseguilo; Cardin, por exemplo, xa conseguiu antes inserir en leis comerciais cláusulas que prexudican toda aquela persoa que apoie o boicote a Israel.

Finalmente, é difícil pór en palabras a ironía que supón ver moitos dos máis celebrados e queridos líderes da resistencia anti-autoritarismo do Congreso -Gillibrand, Schiff, Swalwell e Lieu- promocionaren un dos máis opresivos e autoritarios proxectos de lei que pasaron polo Congreso en moitos anos. Como é posíbel lanzar invectivas contra o “autoritarismo” en canto se promociona un proxecto de lei que prescribe aos cidadáns americanos que opinións políticas é ou non é permitido adoptar sob ameaza de acusación penal? Sexa cal for a etiqueta con que decidamos clasificar os promotores deste proxecto de lei, certamente “anti-autoritarismo” non há de estar entre elas.

Fonte: EsCULcA.gal

Quizáis che interese...