Informe de AI: Violentas incursións das forzas israelís en hospitais palestinos

A semana pasada, soldados e policías israelís irromperon nun hospital palestino en dúas ocasións aterrando o persoal e pacientes e, nalgúns casos, impedindo que os médicos prestasen asistencia urxente a pacientes con feridas graves; así o afirmou o pasado 25 de xullo Amnistía Internacional.

As incursións no hospital de Al Makassed, en Xerusalén Oriental, encádranse nunha escalada das tensións en Xerusalén e en toda Cisxordania en días recentes por mor da decisión do goberno israelí de colocar detectores de metais e rexistrar os fieis á entrada da mesquita de Al Aqsa após o asasinato de dous policías israelís no lugar o 14 de xullo. Polo menos catro civís palestinos perderon a vida e máis de 1.090 resultaron feridos a mans das forzas militares e policiais de Israel nos últimos 10 días nas protestas palestinas xeneralizadas contra a decisión e os enfrontamentos subseguintes.

“A conduta das forzas israelís que levaron a cabo as violentas incursións no hospital de Al Makassed, acosando e intimidando o persoal e os pacientes, é absolutamente deplorábel. Non cabe xustificación algunha para impedir que os traballadores médicos atendan un paciente ferido en estado crítico”, manifestou Magdalena Mughrabi, directora rexional adxunta de Amnistía Internacional para Oriente Medio e o Norte de África.

Testemuñas presenciais no hospital de Al Makassed describiron escenas de “caos absoluto” cando soldados e policías israelís armados irromperon no lugar os días 17 e 21 de xullo, ao parecer buscando pacientes feridos graves.

Rafiq Husseini, director do hospital Al Makassed, contou a Amnistía Internacional que axentes de policía e soldados da garda fronteiriza fortemente armados asaltaron o hospital a última hora da tarde do 17 de xullo.

“Fustigaron o meu persoal e outros pacientes, e actuaron con agresividade […] Non tiñan ningunha base legal para actuaren así, irrompendo no hospital con metralladoras e granadas paralizantes e aterrando o persoal e outros pacientes”, dixo.

Segundo Bassam Abu Libdeh, director médico de Al Makassed, co estalido das protestas e os enfrontamentos posteriores chegara ao hospital unha enxurrada de pacientes lesionados por inhalación de gas lacrimóxeno, malleiras ou feridas de bala de goma. O doutor explicou que, o 17 de xullo, uns soldados perseguiran por todo o hospital, como “cans famentos perseguindo á súa presa”, un mozo de 19 anos de Silwan cunha arteria lesionada dun disparo na coxa que sangraba profusamente.

“Levaban armas longas e granadas paralizantes, e ían empurrando e afastando a xente con agresividade. Estiveron a buscar o mozo ferido, que entrara en quirófano, até que algúns médicos intervimos para os deter […] Outros comezaron entón a percorrer o hospital e a fustigar todo o que atopaban: persoal, enfermeiros, médicos e pacientes. No hospital hai menores e xente anciá. É inaceptábel. […] Por que querían arrestar o raparigo? Estaba desangrándose e estaba moi grave; non podía ir a ningunha parte”, dixo.

Referíndose á segunda incursión, o xefe de recepción do hospital, Talal ao Sayed, que leva 10 anos traballando alí, dixo que, cos anos, o persoal terminou afacéndose ás incursións das forzas israelís, mais que o acontecido o 21 de xullo estaba “moi por encima do que vira até agora”. Contou que uns 200 soldados fortemente armados rodearan o hospital e forzaran a súa entrada nel, detendo quen atopaban ao seu paso e usando gas lacrimóxeno. Perseguían un mozo cunha grave lesión no peito cuxo estado era crítico e seguírono até as mesmas portas do quirófano.

“Invadiron todo o hospital […] Mesmo entraron na unidade neonatal […] Que ían atopar alí? Só conseguiron aterrar os pacientes?, dixo, e describiu como os soldados empurraran e bateran nun médico que tentaba atender o mozo no quirófano. O mozo chamábase Mohammad Abu Ghannam e morreu por mor das feridas sufridas durante a refrega.

Unha das enfermeiras que estaba de garda naquel momento dixo: “Non pasara tanto medo en toda a miña vida. O único que recordo son fortes ruídos, pancadas e berros. Foi un caos total […] Había sangue por todas partes, no chan, polas paredes…”

Estas incursións no hospital tiveron lugar nun contexto de manifestacións e violencia por todos os Territorios Palestinos Ocupados, con informes de uso excesivo da forza polas forzas israelís contra manifestantes palestinos. Dos máis de 1.000 palestinos feridos, 29 foron alcanzados por munición real e 374 por balas de goma, 471 sufriron lesións por gas lacrimóxeno e 216 presentaban contusións, queimaduras ou rotura de ósos por mor de malleiras, segundo a Sociedade Palestina da Media Lúa Vermella.

Moitas das protestas na cidade vella de Xerusalén comezaron de maneira pacífica, con oracións colectivas nas rúas que rodean o complexo de Al Aqsa, mais dexeneraron en violencia cando as forzas israelís tentaron disolvelas usando gas lacrimóxeno e balas de goma. Os manifestantes responderon lanzando botellas de auga.

Sheikh Ekrima Said Sabri, imán da mesquita de Al Aqsa e anterior muftí de Xerusalén, contou a Amnistía Internacional como os membros da policía israelí de fronteiras comezaran a atacar unha multitude pacífica o 18 de xullo preto da Porta dos Leóns da cidade vella de Xerusalén, dando empurróns, pontapés e pancadas con porras aos manifestantes, e pisárono. Foi auxiliado por un grupo de mozos que o levaron á ambulancia para o seu traslado ao hospital.

Os informes recibidos sobre uso excesivo da forza e violencia de”?ollo por ollo e dente por dente” entre israelís e palestinos suscitan preocupación por unha nova escalada dos homicidios ilexítimos. Tres civís israelís foron asasinados a puñaladas por un agresor palestino nun asentamento israelí na Cisxordania ocupada o 21 de xullo. Posteriormente, Israel anunciou que pensa demolir a vivenda do agresor palestino.

“Os ataques contra civís non están xustificados en ningún caso. Mais non se pode facer xustiza respecto destes ataques mediante o castigo colectivo da poboación civil palestina”, afirmou Magdalena Mughrabi.

“Como potencia ocupante, Israel ten a obrigación de protexer a poboación civil palestina e debe respectar o seu dereito de protesta pacífica. Debe asegurarse de que os seus efectivos restrinxen o uso da forza de conformidade co dereito internacional.”

Fontes: Amnistía Internacional EsCULcA

Quizáis che interese...