400 crianzas palestinas prisioneiras nos cárceres de Israel

Palestina, Israel

“O número de crianzas encarceradas aumentou nos últimos meses, chegando a case 400 menores nas prisións de Ofer e Megiddo. O noventa e cinco por cento das crianzas encarceradas foron sometidas a tratos brutais durante a súa detención e interrogatorio. O goberno de ocupación adoptou unha política sistemática de detención de menores, que tortura e encerra en condicións inhumanas”, afirma Issa Qaraqe, da Comisión de Persoas Detidas e Ex-Detidas.

“A detención de menores é consecuencia das leis racistas e arbitrarias do goberno, tanto nos termos en que teñen lugar as detencións como nas sentenzas a longas condenas acompañadas de multas en tribunais militares”. Segundo Qaraqe, nos últimos  meses varios menores foron sentenciados a detención administrativa, como no caso de Nour Essa Attiyeh, de 14 anos, de Anata, ao norte da Xerusalén ocupada, condenado a tres meses de detención administrativa.

A avogada da Comisión de Persoas Detidas e Ex-Detidas, Hiba Masalha, afirma que o goberno israelí, soldados e inspectores de policía, tratan con dureza as crianzas palestinas inmediatamente despois do arresto. Tamén afirma que lles inflixen diversas formas de tortura e humillación, o que constitúe unha violación de toda a lexislación humanitaria e internacional.

Yazan Saeed Hashem Ao-Batran, de 16 anos, de Tulkarm, foi detido o 20 de xullo despois de ser atacado por tres soldados, Agora, segundo explica Masalha, está prisioneiro no bloque de “cachorros” na cadea de Megiddo. “En primeiro lugar os soldados empurrárono ao chan e alxemárono cos brazos nas costas. Despois mallaron nel con mans, pés e fusís. Sufriu un duro golpe no costado e varias machucaduras e e contusións”, informa. “Despois de mallaren nel, foi levado por dous soldados que o obrigaron a subir ao seu jeep. Conducírono á comisaría, onde permaneceu no chan, alxemado e cos ollos vendados desde primeira hora da tarde até as 20:00. A seguir foi transferido a un centro de interrogatorio non especificado e recluído nun cuarto onde o deixaron alxemado e cos ollos vendados até a mañá seguinte”.

“Durante a noite foi espancado polos gardas varias veces e privado de sono”.

“Ás 9 da mañá foi levado á sala de interrogatorios e no final da tarde foi transferido á prisión Megiddo de Israel”, explica a avogada.

Fonte: EsCULcA

Quizáis che interese...