O mar de todas, o mar de Gaza. Xornadas de Solidariedade coa Frota Pesqueira de Gaza

Oleiros acolle a presentación da última campaña internacional da Flotilla da Liberdade: Solidariedade coa Frota Pesqueira de Gaza.

A situación da poboación de Gaza é dramática. Desde hai décadas o seu pobo sofre restricións na liberdade de movemento e nos últimos dez anos vive sometido a un bloqueo, inhumano e ilegal, imposto por Israel en terra, mar e aire. A Coalición Internacional da Flotilla da Liberdade mantén desde 2010 un desafío permanente a este bloqueo. A campaña deste ano 2017 busca centrar a atención do mundo na situación dos pescadores e pescadoras de Gaza.

A destrución de infraestructuras básicas e a carencia de combustíble somen Gaza na escuridade, con apenas unhas horas de electricidade diarias nos últimos meses, e impide o abastecimento de auga potable e o tratamento de augas residuais, o que obriga a vertelas directamente ao mar, contaminando así o Mediterráneo. E hai máis. O bloqueo que asfixia a poboación gazatí permite a Israel extrair en beneficio propio o gas que hai baixo as augas de Gaza.

A pesca e as actividades relacionadas tradicionalmente con ela son o sustento de millares de familias en toda a Faixa de Gaza. Nos últimos nove anos, a capacidade da poboación para gañar a vida neste sector é dificultada polos límites que as autoridades israelís impoñen ao acceso ás zonas de pesca ao longo da costa de Gaza e polos continuos ataques a pescadoras e pescadores das súas forzas de seguridade que corren o risco de ser detidas, feridas ou asasinadas, e confiscados ou destruídos os seus barcos. Facendo causa común coa frota pesqueira de Gaza, reivindicamos, non só o levantamento do bloqueo, máis tamén unha actitude respectuosa coas persoas que pescan no noso país.

Dentro da campaña, BDS GalizaPallasos en RebeldíaRumbo a Gaza (Página Oficial) e o Concello de Oleiros organizan dúas xornada de denuncia, solidariedade e fraternidade co pobo palestino.

O venres 27 ás 19:30 horas, o centro cultural A Fábrica de Perillo acollerá a inauguración da exposición “Palestina unha mirada á inxustiza”, da fotógrafa Sandra Barrilano. A continuación haberá unha mesa redonda para abordar a situación dos pescadores palestinos e coñecer as distintas campañas nas que todas podemos participar para acompañar ao pobo palestino na súa loita. Participarán Elvira Souto de BDS Galiza, a activista israelí Zohar Chamberlain de Rumbo a Gaza, Manuel Roxo de Pallasos en Rebeldía e o alcalde Ángel García Seoane. Tamén será proxectado un documental do último Festiclown en Palestina.

O sábado os actos realizaranse na localidade de Santa Cruz e comezarán ás 16:00 horas cun pasarrúas a cargo d oGrupo de Gaitas Santaia. A partir das 17:00 horas, na praza Esther Pita, haberá unha Gala Artística para toda a familia que contará cun espectáculo presentado por Isabel Risco e no que actuarán Isla Letriska, Brais Morán, Xosé Iglesias Lamela, Lois Pérez, Sue Moreno, Chuches Amil e a Big Band da Escola Municipal de Música. Durante toda a xornada haberá degustación de petiscos palestinos para todas as persoas asistentes.

Contaremos tamén coa presenza de compañeir@s palestin@s e de persoas vinculadas coa vida mariñeira galega. Teresa Ramiro, mariscadora na Ría do Burgo e poeta e Manuel Presas, mariñeiro, pecharán o acto.

Ademais de todos estes actos, no pleno do xoves o Goberno municipal de Oleiros procederá á lectura dun manifesto para amosar a solidariedade de Oleiros coa frota pesqueira de Gaza.

Non faltedes!! Xuntas, rompamos o bloqueo!!

 

Máis información:

Evento e Concello de Oleiros.

Manifesto Apoio Frota Pesqueira Gaza

Quizáis che interese...