Informe Richard Falk

Informe de Richard Falk, Relator especial da ONU sobre os dereitos humáns en territorios de Palestina, realizado trala sua visita a Palestina nos primeiros días de Febreiro do 2.012

 Esta conferencia de prensa pon fin a unha visita de 10  días á rexión que levei a cabo como Relator Especial das  Nacións Unidas  para a Situación dos Dereitos Humanos nos Territorios Palestinos ocupados desde 1967.  Reuninme con representantes de Gobernos, organizacións intergobernamentais e axentes de sociedade civil, así como cun amplo abano de refuxiados palestinos.  

Gostaríame expresar o meu agradecemento aos Gobernos de Exipto e Xordania, por teren recibido esta misión e cooperado con ela.  Lamento que o Goberno de Israel rexeitase cooperar con este mandato do consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas.  Mais unha vez solicitei a Israel a súa cooperación mais, como en anteriores ocasións, Israel nin sequera se molestou en responder a miña petición. 

Mesmo así, pensaba que podería manter reunións no territorio palestino ocupado, concretamente na Faixa de Gaza, durante a misión.  Infelizmente non foi posível porque a actual situación do norte do Sinai torna insegura a viaxe do Cairo á Faixa.  Lamento non ter podido observar directamente a situación en Gaza e entrevistarme, como estaba programado, con persoas ben informadas, incluíndo representantes de familiares de persoas presas e palestinos  postos en liberdade na recente troca de prisioneiro con Israel.  A pesar de todo,  puiden arrecadar información sobre os problemas mais urxentes en materia de dereitos humanos e sobre as necesidades humanitarias de Gaza, en particular sobre os problemas derivados do impacto que ten o bloqueo ilegal de Israel na poboación civil da Faixa.  Algunhas das persoas con que me entrevistei salientaron o que ven como sinais dunha tentativa ilegal de Israel de separar a Gaza do resto de Palestina, forzando a poboación gazeti a procurar a través dos túneles que a contectan con Exipto a vía para cubriren as súas necesidades básicas.  Desexo reafirmar aquí que, que segundo a lei internacional,  a Faixa da Gaza baixo ocupación israelí é  parte do territorio palestino ocupado . Nestas circunstancias, Israel debe cumprir as súas obrigacións legais en Gaza e actuar en conformidade coa Cuarta Convención de Xenebra, que especifica sen equívocos que o  poder ocupante debe tomar todas as medidas precisas para protexer a poboación civil do 1.5 millóns de gazetís..

Durante a misión preocupoume profundamente a situación de Khader Adnan.  O Sr. Adnan está agora no 65.º día da súa folga de fame. Segundo información que recibín, o Sr. Adnan foi apresado violentamente na súa casa, diante da muller e os fillos, ás 3:30 da madrugada. Foi verbal e fisicamente maltratado e humillado de forma reiterada no período de detención e durante as prolongadas sesións de interrogatorio. Foi transladado a varios centros de detención e confinado en illamento solitario por longos períodos durante os cales permaneceu alxemado a maior parte do tempo.  En protesta pola detención, as humillacións e o tratamento dispensado polas forzas de seguranza israelís, así como a súa obxección á práctica da detención administrativa aplicada actualmente a outros palestinos, o Sr. Adnan iniciou  unha folga de fame e negouse a falar cos seus interrogadores.  Segundo as miñas noticias, a saúde do Sr. Adnan sofriu xa danos irreparábeis e pode morrer en calquera momento. A resposta xudicial israelí é enteiramente inadecuada á urxencia da situación. 

Neste contexto, fun sorprendido pola información recibida do Goberno de Israel con respecto á situación do Sr. Adnan.  O Goberno israelí afirmou onte, e cito: “Non é sospeitoso de implicación directa en ataques terroristas. A súa vida non corre ningún perigo”.  Fin da cita. É obvio, sen necesidade de mais comentarios,  que a negativa de Israel a liberar o Sr. Adnan inmediatamente revela unha chocante indiferenza polos mais elementares instintos humanitarios.

Por outra parte, da información que recibín, dedúcese que o tratamento a que foi sometido o Sr. Adnan no período de detención debe ser calificado como  tortura  e tratamento cruel e degradante tal como se definen estes termos na Convención Contra Tortura, un tratado ratificado por numerosos países, incluído o estado de Israel.  Deixenme recordar tanto ao Goberno de Israel e como á comunidade internacional que ese tratamento non é só unha violación grave de dereitos humanos e un crime de guerra; é tamén un asunto sobre o que se poden pedir responsabilidades no ámbito internacional, incluída aplicación  da xurisdición universal.  A aplicación de xurisdición universal nun caso como este pode atinxir tanto os funcionarios da seguranza israelís directamente implicados na detención e interrogatóriode do Sr. Adnan como os seus superiores na cadea de mando e os responsábeis do réxime e práctica das detencións administrativas.

Reitero a miña solicitude ao Goberno de Israel para que respecte os dereitos do Sr. Adnan tendo en conta a situación de emerxencia. Neste momento, dadas as condicións en que se encontra, o Sr. Adan debería ser posto de inmediato en liberdade,  mesmo no caso de Israel posuir probas que podan ter servido anteriormente para o inculpar e procesar. Agora é tarde demais, sobretodo tendo en conta que non existen indicios de que o Sr. Adnan teña relación, nin agora nin no pasado, con actos de resistencia violenta. Alén de pór en liberdade o Sr. Adnan, Israel debe investigar de maneira inmediata, rápida e imparcial as acusacións de tortura e outros abusos e debe pór fin, ou reducir aos casos en que for posíbel demonstrar inminentes ameazas à seguridade, as detencións administrativas.

O caso do sr. Adnan é emblemático das detencións sen cargos que practica Israel. O goberno israelí chámaas “detencións administrativas”. Mais seria mais honesto chamalas “detencións sen cargos ou detencións arbitrarias”. Esta forma de detención vulnera a lexislación internacional, incluídas as Convencions de Xenebra, especialmente cando non existen circunstancias excepcionais ou probas que xustifiquen, por razóns de ameaza grave e inminente á seguridade, o uso dunha forma de prisión que viola os dereitos da persoa. Segundo información  recibida de fontes fiábeis, Israel mantén nestes momentos aproximadamente 300 palestinos detidos sen cargos. Pedin información sobre cada unha destas persoas e teño a intención de seguir cada caso e tratar este asunto no meu próximo relatório para o Consellode Dereitos Humanos.

No decurso desta misión recibin igualmente información sobre as condicións de detención das 4.400 persoas palestinas que se estima están presas nos cárceres israelis. Numerosas persoas especializadas en investigar as condicións dos cárceres con que tivemos ocasión de falar, trasladáronos a súa preocupación polos abusos físicos, verbais e psicolóxicos, a imposibilidade de acceso a asistencia médica adecuada, as neglixencias médicas, o estendido  uso do confinamento en rexime de incomunicación durante longos períodos, as condicións das celas, sobrelotadas e ruinosas, e a prohibición de recibir visitas de familiares. É desalentador constatar que, despois de tantos anos, Israel non introduce ningunha reforma nin aporta probas para responder a estas reiteradas acusacións. Continuarei investigando e dando conta da situación dos prisioneiros palestinos.  E acrescento que a violación dos dereitos de millares de prisioneiros, palestinos ou outros, deberá figurar finalmente entre as mais urxentes prioridades da comunidade internacional.

Estou particularmente preocupado polos graves desventuras e incertezas que acompañan a vida das persoas refuxiadas durante longos períodos de tempo. Tiven ocasión de entrevistarme con numerosos persoas que  me informaron das dificultades, derivadas da sua condición de refuxiadas, a que teñen de facer fronte dia a dia. Afirman con razón que a prolongación do estatuto de refuxiado constitue por si mesma unha permanente violación da dignidade humana, violación contraria á proteción recoñecida na Cuarta Convención de Xenebra, que contempla a ocupación como unha circunstancia temporal. A ocupación prolongada dificulta o respecto dos dereitos básicos, tales como o dereito á educación, ao traballo, á seguridade sociale á saúde. Provoca unha situación de desvantaxe inconmensurábel para as familias que queren criar as fillas e os fillos nunha ambiente de normalidade, o que exixe un contorno estábel e seguro. Todas as persoas refuxiadas con que falei expresaron o seu compromiso inabalábel con a autodeterminación de Palestina, enfatizando o seu direito ao retorno mais insistindo tamén, significativamente, na sua disposición e profundo desexo de vivir en paz con os israelis.

Gustaríame notar que a miña intención era ouvir os testemuños de refuxiados palestinos asentados noutras áreas alén de Xordania. A situación actual de Siria impediu a visita e mesmo desalentou a comunicación con os grupos de refuxiados que hai neste país. Penso que foi desafortunada a recusa do goberno do Líbano a recibir a nosa misión. Surprendeume realmente que o goberno libanés, como o goberno israelí, se negase a cooperar con os esforzos da nosa misión para investigar as violacións dos direitos dos palestinos que comete Israel.

Un dos mais importantes obxectivos desta misión era arrecadar información sobre a prolongada negativa de Israel à autodeterminación de Palestina. É importante notar que entendemos que a autodeterminación é un dereito humano fundamental e inalienábel. O pobo palestino ten o mesmo dereito á autodeterminación que o israeli, o mesmo que todos os pobos do mundo. O dereito do pobo palestino á autodeterminación non é negociábel. Non é unha “cuestión de estatus final”  susceptíbel de ser suxeito de negociación. Tampouco é unha simples cuestion territorial. Os refuxiados palestinos de Xordania, Líbano, Siria e outros lugares teñen o mesmo dereito á autodeterminación que os dos palestinos de Gaza e Cisxordania, incluído Xerusalén Leste.

A información que recibin mostra un aumento dos esforzos de Israel para negar ao pobo palestino o dereito á autodeterminación. A implantación de novos colonatos israelis,  a confiscación progresiva da terra palestina, o incremento progresivo da violencia dos colonos, a demolición de mais e mais casas e as constantes medidas para desprazar os palestinos, teñen o efecto manifesto de facer que a autodeterminación sexa un proxecto da vez menos viábel para o pobo palestino.

Con 80 edificios xa demolidos no que vai de 2012, Israel está en camiño de superar o agudo incremento que as demolicións experimentaron en 2011. É profundamente preocupante que o 30 % destas demolicións sexan de casas familiares. E que estas demolicións provoquen o desprazamento a lugares cada vez mais distantes de mais palestinos -moitos deles xa refuxiados. A información que se nos proporcionou lévanos a concluir inevitabelmente que Israel perpetra unha política deliberada para forzar os palestinos a sairen dos seus lares e a súa terra co obxectivo de establecer mais colonatos ilegais e proceder de feito á anexión de Cisxordania, se non a totalidade polo menos unha parte substancial, un proceso agravado  pola desproporcionada asignación de agua aos colonos. Neste sentido, as situacións de algunhas zonas de Xerusalén Leste, na cidade de Al Walaja e a través do val do Xordán requeren intervención internacional inmediata e sostida.

 A incidencia crecente da violencia dos colonos israelís contra persoas e propiedades palestinas debe relacionarse con o evidente desexo de Israel de expulsar o pobo palestino da súa terra. Ouvin relatos arrepiantes de colonos israelís que ameazan e atacan persoas palestinas, incluindo mulleres e crianzas, asi como as moi necesarias fontes de agua e colleitas palestinas . A grave situación dos palestinos en Hebrón é cada vez mais preocupante,  ainda que a a violencia parece prevalecer en toda Cisxordania, incluindo numerosos barrios do Leste de Xerusalén. A manifesta aquiescencia con que o goberno israelí consente a violencia dos colonos contra as xentes palestinas, como mostra a absoluta impunidade con que actúan, confirma que Israel persegue de facto anexar Cisxordania de maneira ilegal e absolutamente inaceptábel.

Un aspecto alentador da misión foi observar que os Estados da Liga Árabe pririzaban a colaboración e o ánimo. A Liga Árabe, fortalecida polos novos dirixentes e en sintonía con a crecente abertura da rexión,  ten un potencial enorme para promover e garantir os dereitos do pobo palestino.  Líderes da Liga Árabe mostraron o seu interese e desexo de traballar con o mandato da ONU para priorizar a garantia  dos dereitos do pobo palestino en conformidade co dereito internacional.

Señoras e señores, 

debo salientar que as violación de dereitos que acabo de mencionar, violacións a que se somete un pobo oprimido enteiro, son perpetradas como parte de unha ocupación planeada deliberadamente planeada e levada a cabo de maneira sistemática  polo goberno de Israel. Se o pobo palestino há de acceder aos dereitos básicos que recoñece a lexislación internacional e se se há de chegar a unha situación de paz e seguridade para ambos os pobos, a ocupación de Israel, que chega xa ao seu 45 aniversario, debe finalizar.